DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Edifico Xurídico-Empresarial acollerá o ciclo "Pensar el cine" a partir do 3 de marzo

O cine abre unha porta ao debate sobre os dereitos humanos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 26/02/2009

Seis proxeccións audiovisuais, tanto cinematográficas como televisivas, son o pretexto que emprega o seminario Pensar el cine I. El cine y la problemática actual de los derechos humanos, para abrir o debate sobre esta temática. Dende o día 3 de marzo e durante os seguintes martes cada dúas semanas ata o mes de maio, a aula magna da Facultade de Dereito ofrecerá a partir das 19.00 horas unha xornada de cine que abrirá un espazo de crítica e reflexión sobre os dereitos humanos.
As sesións comezarán cunha introdución por parte dos expositores convidados do filme que eles mesmos elixiron. Esta presentación está encamiñada a “dirixir a mirada do espectador sobre aqueles aspectos relevantes para o debate final”, explicou Pablo Raúl Bonorino, organizador do ciclo xunto con Iago Fariñas. Tras a introdución, realizarase a proxección e ao seu remate abrirase o coloquio que guiará o presentador amosando a principais liñas de discusión.
A idea de realizar este seminario xorde do desexo de continuar co traballo realizado na materia de Filosofía do Dereito Social, “tratando de abordar esta problemática filosófica a través do fenómeno da cultura popular”. Preténdese por unha banda, xerar o debate sobre os dereitos humanos e, por outro lado, “resaltar a dimensión filosófica tácita que teñen estes produtos”. Neste senso, o cine amosouse como unha das manifestacións da cultura popular máis importante e como a mellor forma para abordar nun pequeno período de tempo a temática do seminario.
Tanto Bonorino como Fariñas inician este seminario con vocación de continuidade anual, de feito “xa estamos traballando nas posibles temáticas do ano próximo, aínda que non hai nada definido”, indicou Bonorino. Este ano elixiron os dereitos humanos como eixo do ciclo porque querían “comezar cun tema asentado sobre o que xa traballan diversos investigadores”. Por iso, entre os participantes das xornadas cóntanse algúns dos autores españois que publicaron traballos de investigación nos que analizan a relación entre cine e dereitos humanos. Ao remate do ciclo publicarase un volume conxunto coas colaboracións recibidas.

Seis sesións de cine

1984 é o título do filme que se proxectará na sesión do 3 de marzo. Esta película, baseada no libro homónimo de George Orwell, servirá de motivación para xerar discusión arredor dos dereitos humanos e o totalitarismo. A xornada estará dirixida por Juan Antonio García, catedrático de Dereito da Universidade de León.
O 17 de marzo, Pablo Raúl Bonorino, un dos organizadores da xornada será o encargado de introducir o tema do día: o regreso da tortura, que se analizará a través de “fragmentos de dez series de televisión norteamericanas emitidas dende o ano 1960 ata a actualidade”.
A terceira sesión celebrarase o día 31 de marzo coa proxección de Un lugar en el sol, filme do ano 1951 dirixido por George Stevens que narra a historia dun traballador namorado de dúas mulleres de distinta clase social. Ao remate da película abrirase o debate sobre a xustiza e a verdade.
Star Trek será a protagonista do mes de abril, na cuarta sesión do seminario que se celebrará o día 21; dirixida por Alfonso García, profesor da Universidade de Castilla La Mancha, o tema de discusión da xornada será o concepto de persoa.
As dúas últimas sesións terán lugar no mes de maio, os días 5 e 19. Na quinta xornada proxectarase Gattaca, filme de ciencia ficción que fala dun futuro no que a maioría dos nenos son concibidos in vitro e con técnicas de selección xenética. Este será precisamente o tema que se trate no debate posterior no que participarán as profesoras da Universidade de Vigo, Ana Garriga e Susana Álvarez.
A sexta e última sesión terá como tema de discusión o xenocidio, debate que se suscitará a través da proxección do filme La zona gris, que narra a traxedia xudía nos campos de concentración nazis. Benjamín Rivaya, profesor da Universidade de Oviedo, será o encargado de introducir o tema e conducir o posterior debate.
Todas as proxeccións terán lugar a partir das 19.00 horas na aula magna do Edificio Xurídico-Empresarial.