DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alfonso Méndiz, experto en narrativa audiovisual e colaborador do Máster de Investigación en Comunic

“O cine é agora o gran comunicador da vida de Xesús”

No seu último libro ‘Jesucristo en el cine’ fai un percorrido polas principais películas que retrata

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 20/01/2011

Case desde que naceu o cine, a finais do século XIX, se poden atopar producións audiovisuais que teñen como protagonista a figura de Xesucristo. Con este dato, o profesor de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Universidade de Málaga, Alfonso Méndiz, quere pór de manifesto a estreita relación que existe desde sempre entre o cine e as historias que recollen os evanxeos sobre a vida de Xesús, polo que no seu último libro, Jesucristo en el cine, realiza un percorrido polos principais filmes que abordan a súa figura. Tal é a importancia que está a acadar este xénero que “o cine é agora o gran comunicador da vida de Xesús”, apunta Méndiz, que se atopa estes días no campus impartindo a materia Nuevas formas publicitarias do Máster de Investigación en Comunicación.

O certo é que as máis de 160 películas que teñen como protagonista a Xesucristo evidencian “que a súa vida interesa, sendo o personaxe que máis se ten levado á pantalla con diferenza”, aclara o autor, o que pode semellar curioso nun contexto tan afastado como é o da vida hollywoodiense. Como consecuencia, o cine estase a converter nunha alternativa ás formas convencionais da manifestación da fe, xa que “moita xente deixou de ir á Igrexa e de ler os evanxeos, ben porque non quere ou non ten tempo, pero dalgunha maneira toman contacto co catolicismo a través destes films que presentan a Xesucristo nun contexto e no seu ambiente”, explica Méndiz.

Un cine que non deixa “indiferente”

Na súa investigación conclúe que son producións audiovisuais que “non deixan indiferente a ninguén” e “marcan” fondamente a realizadores, actores e espectadores. Deste modo, Méndiz comenta que son películas que supoñen un compromiso moi persoal nos directores, expondo como exemplo que “Mel Gibson en La Pasión de Cristo fai unha declaración da súa fe, mentres que Martin Scorsese en La última tentación de Jesucristo plasma todas as súas dúbidas internas”. Na mesma liña, os actores que se enfrontan ao reto de encarnar a vida de Xesús “atopan nese papel a súa mellor faceta como intérpretes, supoñendo un antes e un despois” e, no caso de Robert Powell, protagonista da miniserie Jesús de Nazaret, ou Jim Caviezel de La Pasión de Cristo, “só se lembran os seus papeis como Xesucristo, sendo a imaxe que queda deles na historia do cine”.

Mais, son os propios espectadores os que máis manifestan as súas reaccións ante este xénero do cine. Neste caso Méndiz toma como referencia as correntes de opinión que xerou a película dirixida por Mel Gibson “na que se deron dous extremos, xente en contra da peza audiovisual cualificándoa de antisemita e sanguinaria e, por outra banda, público que se sentiu totalmente removido por dentro”.

Evolución no tratamento da imaxe de Xesús

En todas as épocas da historia hai exemplos audiovisuais sobre a vida de Xesucristo, desde o período do cine mudo ata a actualidade. Así, as primeiras producións da época muda “eran historias desde o respecto nas que se recreaban escenas piadosas sen continuidade narrativa, como o nacemento, o bautismo ou a última cea, totalmente separadas”, en palabras do escritor. Foi nos anos 50 cando Hoollywood apostou polo espectáculo coa realización de grandes superproducións bíblicas. Neste caso a figura de Xesús recreouse desde a solemnidade, de forma distante por causa da súa divindade, xa que “nesta época imperaba o puritanismo polo que, como ocorre en Ben Hur, Xesús aparece de costas para non humanizalo”, aclara.

O maio do 68 supuxo un punto de inflexión xa que se rompeu con todo o anterior e chegou aos cines unha imaxe completamente distinta de Xesucristo, “unha visión contracultural como no caso de Jesucristo Superstar ou The Gospel”. Anos despois, filmáronse películas cunha perspectiva máis humana, “sometido á debilidade, que dubidaba da súa divindade e nas que se cuestionaron algunhas das mensaxes fundamentais da Igrexa”, apunta o docente. A chegada do novo milenio implicou un punto de equilibrio entre as tan diferenciadas épocas anteriores, provocando que “os filmes de agora amosen a un Xesús que ri, que se preocupa polos seus, con sentimentos e, á vez, un Deus que fai milagres e trae unha mensaxe de redención”.