DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Bioloxía acollerá un cineforum para complementar a formación do alumnado

Cine para concienciar da importancia da bioloxía na sociedade actual

'Nós alimentamos o mundo' e 'A viaxe da tartaruga' entre as cintas que se proxectarán

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 11/04/2012
Películas comerciais de contido científico, pero cunha dimensión social e ambiental. Este é o nexo de unión das catro películas que a partir do vindeiro mércores 18 de abril e ata o 8 e maio se proxectarán no cineforum que organizado polas profesoras do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, María Jesús Iglesias Briones, Encarnación de Miguel Villegas e Rosa Álvarez se celebrará na Facultade de Bioloxía. A matanza da que son vítimas anualmente os delfíns no parque nacional xaponés de Taiji; a historia do premio Nobel arxentino César Milstein; o proceso de produción dos alimentos e a apaixonante viaxe das tartarugas polos mares do mundo, protagonizan as catro cintas que teñen como primeiro destinatario o alumnado da facultade, aínda que a iniciativa está aberta a calquera persoa que queira asistir ás proxeccións que comezarán ás 15.30 horas.

Cineforum de Bioloxía”, explica a profesora María Jesús Iglesias Briones, “ pretende complementar a formación académica dos alumnos da Universidade de Vigo adquirindo unha serie de competencias transversais que non se obteñen de xeito doado e habitual nas materias que compoñen o plan de estudos”. Un ciclo, no que segundo a organizadora, se puxo especial énfase na selección de películas comerciais de contido científico “pero tamén cunha dimensión social e ambiental que permita aos alumnos tomar conciencia de aspectos clave no papel fundamental que ten o biólogo na sociedade actual”, explica Iglesias Briones para quen o coidado do medio ambiente, a educación ambiental e o uso sostible dos recursos deben constituír “unha prioridade formativa do alumnado de Bioloxía” e tamén “unha responsabilidade que temos os profesores de universidade como educadores das xeracións futuras”. No caso do estudantado de Bioloxía a asistencia ao cineforum será acreditado con 15 hora computables ECTS e estará recollida no expediente académico no suplemento europeo ao título.

Denuncia ambiental, vidas ilustres, globalización e natureza en estado puro

As proxeccións que terán lugar no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais comezarán o mércores 18 de abril co documental de Louise Psihoyos, The Cove que denuncia a matanza de delfíns que anualmente se produce na localidade xaponesa de Taiji, onde, paradoxicamente, todo xira arredor destes cetáceos: museos, barcos, peluches …Un fueguito da realizadora Ana Fraile será o seguinte documental que se proxectará no cineforum. O 25 de abril o público poderá coñecer a historia do premio Nobel de Fisioloxía/Medicina arxentino, César Milstein. Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo en 1999, Milstein foi un apaixonado da ciencia que participou no descubrimento da produción dos anticorpos monoclonais que revolucionaron a investigación biomédica.

O 2 de maio Nós alimentamos ao mundo de Erwin Wagenhofer achegará ao público unha particular visión do proceso de produción da comida, amosando as súas orixes, recollendo información básica sobre os alimentos e a globalización. Unha viaxe por varios países do mundo a través dunha entrevista con Jean Ziegle, poñente especial das Nacións Unidas para o dereito á alimentación. E para pechar o cineforum nada mellor que somerxese nos mares e océanos do mundo coas tartarugas. A viaxe da tartaruga é o documental de Nick Stringer que amosa o camiño que seguen os quelonios que nacen nunha praia de Florida, atravesan a corrente do Golfo, nadan polo Atlántico e chegan a África para retornar á praia na que viñeron ao mundo.

A pesares do axustado dos calendarios académicos as organizadoras do certame confían en que a iniciativa teña unha boa resposta do alumnado e que este non considere esta actividade “como unha carga extra, senón como algo atractivo”, asegura María Jesús Iglesias Briones. A cada unha das proxeccións seguiralle un cuestionario e un foro de debate.