DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comeza en Ourense o ciclo 'Pensar o cine III: muller e igualdade no cine'

Cine con dereito para repensar a igualdade

Persépolis foi a película elixida para arrancar esta iniciativa

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 22/09/2011
Persépolis é unha película de animación baseada na novela gráfica homónima de Marjane Satrapi na que a protagonista asiste ao auxe do fundamentalismo relixioso en Irán. É tamén a obra escollida para dar comezo na Facultade de Dereito de Ourense do ciclo Pensar o cine III: muller e igualdade no cine. A través de oito películas de éxito, arredor dun cento de estudantes universitarios achegaranse á situación da muller desde unha perspectiva na que o dereito xoga un papel moi importante e onde o formato elixido é o audiovisual.

O ciclo, que se desenvolverá desde o 22 de setembro ao 10 de novembro, foi inaugurado este xoves por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Miguel Ángel Michinel, decano da Facultade de Dereito; Ana Garrido, concelleira de Igualdade de Ourense; Arturo González, decano do Colexio de Avogados de Ourense; e Pablo Raúl Bonorino, director do ciclo, que é coordinado por Iago Fariñas.

“A igualdade non é unha moda, unha opción ou un desexo, é un dereito recollido pola constitución que no século XXI aínda temos que traballar para exercelo”, salientaba María Lameiras durante a inauguración do ciclo. Unha opinión compartida por Miguel Á. Michinel, que destacou a “importancia fundamental desta temática no noso sistema”. Por este motivo, tanto Ana Garrido como Arturo González quixeron felicitar aos organizadores por conseguir pór en marcha este ciclo de cine.

Discusión crítica

A iniciativa, que conta coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, o Consello Social da Universidade de Vigo, o Concello de Ourense, o Ministerio de Ciencia e Innovación e Opic, pretende fomentar a discusión crítica de problemas actuais relacionados coa igualdade de homes e mulleres empregando como motivación a proxección de narracións audiovisuais. Para este debate, alén das proxección o ciclo ten como convidados a algúns dos autores españois que recentemente teñen publicado traballos de investigación nos que se analiza a relación entre cine, dereito e muller.

Para comezar as sesións, este xoves proxectouse a película Persépolis e achegáronse ata a Facultade de Dereito Mercedes Fuertes, catedrática de Dereito Administrativo da Universidade de León, e Francisco Sosa Wagner, eurodiputado por UpyD e catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de León. A loita pola dignidade e os dereitos humanos das mulleres iranís e a rebeldía contra os convencionalismos non cuestionados foron algunhas das cuestións de debate arredor da película elixida.

As sesións continuarán as vindeiras semanas coa proxección de Las horas, Vicky Cristina Barcelona, Te doy mis ojos, La costilla de Adán, XXY, Millenium I: Los hombres que no amaban a las mujeres e Thelma & Louis. Como convidados acudiarán ao campus de Ourense Encarna Bodelón, da Universidade Autónoma de Barcelona; Lorena Rodríguez, da Universidade de Vigo; Isabel Lifante, da Universidade de Alacante; Arturo González, decano do Colexio de Avogados de Ourense; Mª Victoria Carrera, profesora psicóloga da sexualidade da Universidade de Vigo; Rosa Ricoy, da Universidade de Vigo, e Mónica Vázquez, concelleira de Igualdade do Concello de Ourense.