DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolle un curso de verán sobre esta temática

O cine como escusa para analizar a relación entre economía e deporte

Outras tres iniciativas completan a programación de extensión cultural no mes de setembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 10/09/2012

Un novo curso académico está xa en marcha e os membros da comunidade universitaria comezan a ter á súa disposición unha ampla oferta de actividades formativas. Entre elas, este mes de setembro inclúense catro cursos de extensión universitaria ou cursos de verán. O primeiro deles será Deporte, empresa e sociedade: Moneyball. Diñeiro e deporte no cinema. A iniciativa, que terá lugar do día 13 ao 21, ofrece aos participantes unha oportunidade para afondar, a través do sétimo arte, na cada vez máis importante faciana económica das competicións e dos eventos deportivos.

Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e os coordinadores do curso, Patricio Sánchez, Ángel Barajas e José Antonio Fraiz, foron os encargados este luns de presentar o seu programa. “Para esta facultade é unha satisfacción que se celebre un ano máis unha edición deste curso, un dos máis senlleiros do centro”, destacou Elisa Alén durante a rolda de prensa. Con dez anos ás súas costas, explicou José Antonio Fraiz, estas xornadas apostaron nas súas dúas últimas edicións por empregar o formato audiovisual para complementar os contidos expostos polos conferenciantes participantes.

Neta ocasión, detallou Ángel Barajas, as películas que se proxectarán, baseadas en feitos reais, son Moneyball; Elixidos para o trunfo; Mistery Alaska; Titanes: fixeron historia, e Sea Biscuit. As producións serán a escusa para afondar en temas como o márketing urbano e o deporte, a xestión do valor ou as implicacións da economía deportiva en Galicia, entre outras cuestións. Para falar destes temas, participarán os docentes Alfonso Mandado, da Universidade de Vigo; Ignacio Urrutia, do IE Business School; José Manuel Sánchez, da Universidade da Coruña; Fernando Lera, da Universidade Pública de Navarra, e José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Máis programación en setembro

Durante o mes de setembro organizaranse no campus de Ourense outros tres cursos de extensión universitaria. O primeiro deles terá lugar do 12 ao 14 de setembro no Concello de Muíños e levará por título Ecodesenvolvemento e Medio Ambiente no Xurés. Coordinado por Benedicto Soto e Francisco Javier Rodríguez, a iniciativa ten como obxectivo afondar desde un punto de vista educativo e científico,¡ nas bases do ecodesenvolvemento tomando como referencia o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

A programación continuará coa celebración do 21 ao 28 de setembro na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do curso Planificación, estratexias fiscais e comportamento fiscal do contribuínte. O obxectivo desta iniciativa, coordinada por Alberto Vaquero e Santiago Lago, é axudar aos participantes optimizar a súa relación fiscal coas diferentes administracións. Por último, do 25 ao 28 de setembro e tamén no campus de Ourense impartirase A crise dos estudos de humanidades e a tradición do galeguismo á luz de Nós, baixo a coordinación de Camilo Fernández e Xosé Ramón Quintana.

O prazo para inscribirse a estes curso está aínda aberto ata esgotamento de prazas.