DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ciclo continúa ata o venres na Casa das Campás ás 20.00 h

O cine de Manoel Oliveira inaugura a sección de documentais de "Cantos na Maré"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 11/12/2008

O Festival Internacional da Lusofonía, Cantos na Maré, abriu a súa sección de documentais coa proxección do O día do desespero, de Manoel Oliveira. Un cambio de última hora debido a problemas coa licencia para a exhibición pública do documental previsto, permitiu facer unha pequena homenaxe ao gran avó do cine que, aos seus cen anos, segue en activo e rodando por diferentes puntos xeográficos do mundo.
En O día do desespero, Oliveira debuxa os últimos anos dun dos autores máis representativos da literatura portuguesa, Camilo Castelo Branco. O filme narra o proceso creativo e vital deste autor, que tivo unha vida azarosa, apaixoada e impulsiva que derivou, trala perda da vista, no seu suicidio. Pero máis aló do documento biográfico, O día do desespero deixou unha mostra do cine de Oliveira que, sendo tan vello coma o mesmo invento do cine, está considerado como un dos cinestas máis modernos.
Os actores fan continuas interpelacións ao espectador e as cartas que se conservan dos últimos meses da vida do escritor actúan como fío condutor e desvelan a vida transcorrida e o seu sentimento de morte. Preséntase así un exemplo da idea do cineasta de que calquera material é valido para montar sobre el o auténtico cine.

Unha programación intensa

A sección de documentais de Cantos na Maré continúa este xoves coa proxección de Brasileirinho, un documental de Mika Kaurismáki sobre o “choro”, a primeira corrente musical brasileira urbana que comenzou a desenvolverse arredor do 1870. O venres, retomarase a produción de Oliveira co filme No a la vanagloria de mandar, que se sitúa no marco da guerra colonial portuguesa en África. A sesión comezará ás 20.00 h.
O filme de Oliveira non foi máis que o disparo de saída da ampla programación coa que Cantos na Maré 2008 vén cargado. O prato forte do festival chegará o día 13, co concerto de Paulinho Moska, Sara Tavares, Waldemar Bastos, Sergio Godinho e o galego Xabier Díaz. Pero antes diso os artistas da lusofonía manterán varios encontros con alumnos de secundaria e os nenos da Aula Folque Infantil. Ao mesmo tempo a rede de relacións entre os artistas xa está sendo tecida e o espazo para o intercambio de ideas e realización de proxectos conxuntos xa está aberto á creatividade.