DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As orixes da sétima arte centrarán as VI Xornadas Historia, Cultura e Dereito

O cine mudo, con moito que dicir

A cita está organizada pola Facultade de Dereito coa colaboración do Concello de Bande e diversas as

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 30/10/2012

Un ano máis o Concello de Bande e a Facultade de Dereito do campus de Ourense organizan as súas xa tradicionais Xornadas Historia, Cultura e Dereito. Nesta sexta edición, a temática elixida é a historia do cine, concretamente o período que abrangue desde o nacemento da sétima arte ata a chegada do son e a revolución que iso supuxo. A través dos ollos de Nanook "o esquimó" ou Charles Chaplin, os asistentes poderán profundar os seus coñecementos sobre o cine mudo pero tamén sobre a contorna que o acompañou no seu desenvolvemento inicial.

“Esta iniciativa ten un triplo obxectivo. Trátase de dar a coñecer mellor as orixes deste produto cultural, de gozar coa proxección de obras históricas que non é fácil ter a oportunidade de ver e sobre todo de comprender a chegada do cine sonoro nun contexto tecnolóxico, histórico, social e cultural concreto e como este troco supuxo un importantísimo adianto técnico pero a costa, nos primeiros anos, dunha notable involución no eido artístico”, explica Roberto Bustillo, decano da Facultade de Dereito e coordinador das VI Xornadas Historia, Cultura e Dereito. Historia da Sétima Arte: do Nacemento do Cine á Chegada do Sonoro, iniciativa que conta coa colaboración tamén de Fundación Cum Laude, Comité Universitario do Campus de Ourense CUCO, XEO e Orixe publicidade e Comunicación.

De Nanook o esquimó a The artist

As xornadas, que contan con 50 prazas, desenvolveranse en seis sesións de tarde entre o 15 de novembro e o 19 de xaneiro de 2013, celebrándose a primeira e a última delas na Casa do Concello de Bande e as demais na propia Facultade de Dereito do campus de Ourense. Para comezar, a primeira sesión tratará sobre as orixes do cine ata a chegada das primeiras longametraxes, proxectándose as obras Nanook o esquimó e Man of Aran e sendo relator o propio Roberto Bustillo.

Ao longo da celebración das xornadas os asistentes poderán ver obras cinematográficas tales como O gabinete do Doutor Caligari; Nosferatu, o vampiro; El chico; O maquinista da xeneral; O home mosca; O acorazado Potemkim; O trunfo da vontade e a recentemente producida The artist. Entre as proxeccións destacará a presenza de pezas dos grandes creadores do cine mudo, como son Charles Chaplin e Buster Keaton. Alberto Rodríguez e Pablo Rodríguez, do programa cultural Banda Aparte de Radio Allariz; as docentes Susana Reboreda e Marta Alén; Anxo Fernández, da Concellaría de Cultura de Ourense; o avogado Miguel Diéguez; e Susana de la Sierra, directora Xeral de Cinematografía e Artes Audiovisuais, serán os relatores participantes.