DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Fundación do escritor ourensán reuniu filmes da época da República de Weimar

O cine retrata a Alemaña que coñeceu Vicente Risco

Todos os mércores de febreiro proxectaranse películas do ciclo de cine alemán

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Anabel Vila DUVI 01/02/2011
Vicente Risco viaxou a Alemaña en 1930 cunha bolsa de estudos concedida pola Junta de Ampliación de Estudios para completar os seus coñecementos sobre etnografía e folclore. Nese tempo foi ao cine e coñeceu un país, unha realidade, que o marcou ata tal punto que publicou unha serie de artigos na revista Nós sobre a súa experiencia e as súas vivencias, que finalmente se recolleron nun volume titulado Mitteleuropa, que saíu do prelo en 1934. O certo é que o país que coñeceu o literato ourensán estaba inmerso na República de Weimar, afrontando as drásticas consecuencias de perder a I Guerra Mundial e vivindo unha profunda transformación social, cun enorme dinamismo cultural e unha gran convulsión política.

Partindo desa base a Fundación Vicente Risco e o Departamento de Filoloxía Galega e Latina organizan un ciclo de cine alemán baixo o título Vicente Risco na República de Weimar con películas que viu o propio escritor ou que reflicten a realidade que atopou e “sobre a que escribiu”, explica a profesora Camiño Noia, directora do Departamento de Filoloxía Galega e Latina e membro da Fundación. “Este ciclo estreouse en Allariz, coa colaboración da embaixada alemá e foi un éxito, e agora, organizado polo profesor Manuel Forcadela, conseguimos traelo aquí”, asegura. O certo é que os filmes son, ademais, “clásicos do cine. Trátase dalgunhas das primeiras películas faladas da historia, e xa por iso teñen un valor engadido”.

O primeiro filme que se proxectará, este mércores día 2, será O anxo azul, unha obra que o galeguista ourensán foi ver cando estaba na capital xermana. “Por fín fun ver na Tonfilm, grazas a non custar más que un marco: unha película espantosmente tráxica que xa che contarei que se titula Der blan Engel e que está facendo furor” relata en Mitteleuropa o propio Risco. Berlín: sinfonía dunha gran cidade, poderase ver o día 9. Nesta obra, “aínda do cine mudo”, como recorda Noia, resúmese a realidade que Risco atopou ao chegar a Alemaña, como el mesmo explica nos seus artigos: “Berlín é unha illa de enorme vida, onde todo é novo e moderno. En luxos, divertimentos, traballo, política, etc. É moi superior a París. Agora desprazouse para aquí o cerebro de Europa”.

O día 16 a película elixida será Emilio e os detectives, de Gerhard Lamprecht. Trátase dunha obra de humor infantil, sobre un neno de 12 anos que durante unha viaxe a Berlín é roubado por un ladrón. Baseada nos libros de Erich Kästner, é un divertimento amable, similar ao que explica o escritor galego.“Estou no corazón de Berlín, nunha estación chea de xente e de movemento, onde todos andan á presa. Onde hai sol e todo semella ledo e riseiro”, aseguraba sobre a Alemaña da República de Weimar.

Pechará o ciclo a única película non rodada no país xermano: Cabaret, baseada na historia dun cabaré no Berlín previo á Segunda Guerra Mundial.“Un café moderno e elegante, disposto coma un teatro, con palcos escaonados, cheos de mesiñas, con mantel, cinceiro, e caixa de mistos posta nun chisme especial de prata. Cadeiras e butacas de salón. Nas mesas moitas mulleres semielegantes, pintadas e fumando pitos e homes polo xeito. Pasan camareiras e grooms vendendo pitos e bombóns. No fondo, nunha sorte de escena, toca, de cando e cando, unha orquesta”, explicaba Risco nun dos seus artigos publicados na revista Nós.

Versión orixinal subtitulada en galego

A proxeccións dos filmes, que estarán en versión orixinal con subtítulos en galego realizados por Óscar Iglesias, terá lugar todos os mércores de febreiro, ás 17.00 horas, no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución. Ademais, despois das películas desenvolverase unha tertulia na que participarán tamén membros da Fundación Vicente Risco.