DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro partidos creados polo alumnado dispútanse nunhas votacións parte da nota dunha materia

Cine, series e corrupción centran a particular contenda electoral da Facultade de Comunicación

A iniciativa busca que poñan en práctica os seus coñecementos sobre comunicación política

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 24/04/2023

Películas e series de televisión, así como referencias irónicas á corrupción serviron este curso como fonte de inspiración para os catro partidos políticos ficticios creados polo alumnado da Facultade de Comunicación e que o vindeiro xoves 4 disputaranse nunha votación parte da súa nota nunha materia. Trátase dunha iniciativa promovida polo profesor Xosé Rúas e dirixida a que o alumnado poña en práctica, nunha campaña, os coñecementos sobre comunicación política que adquiren na materia Técnicas de comunicación electoral e institucional, do Grao en Publicidade e Relacións Públicas. Uniproject X, Aquí no hay quien estudie, OSCAR e Fanfarrones son os nomes das catro formacións participantes esta contenda electoral, que arrancou na mañá deste luns coa pegada de carteis e que lles levará a desenvolver nos próximos días unha serie de actividades, tanto na facultade como a través das redes sociais.

De feito, o peso que terá neste edición a “promoción virtual” dos partidos constitúe, como sinala Rúas, un dos aspectos máis destacados da iniciativa que leva a cabo desde hai máis dunha década. Non en van, lembra neste 2023 a campaña coincide tanto co día da patroa da facultade, Santa Catarina de Siena, que fará que este venres non sexa lectivo no centro, como co festivo do 1 de maio. “Isto fará que centren máis a campaña nas redes sociais e na presenza virtual”, salienta o docente, que incide en que o cinema e as series volven ser un ano máis un dos eixes temáticos dos partidos creados para esta iniciativa.

Ademais das actividades que nestes días promova cada partido, os seus candidatos e candidatas teñen que enfrontarse tamén á preparación dos mitins, que celebrarán este mércores, así como participar no debate que terá na xornada de peche da campaña. Ao día seguinte, o xoves 4, terá lugar a votación, que se desenvolverá entre as 10.00 e as 18.00 horas e na que poderá participar, como explica Rúas, “todo o alumnado e persoal da facultade, coa excepción dos propios estudantes da materia”. 

A pegada de carteis abre a campaña

Esta contenda electoral abriuse coa pegada de carteis e a posta en funcionamento dos espazos destinados a cada formación na planta baixa da facultade. O primeiro partido en presentarse neste arranque de campaña foi OSCAR, siglas de “Organización Social contra o Academicismo Retrógrado”, segundo explicou a súa candidata, Uxía Seoane. Cunha estética inspirada nos premios cinematográficos, esta formación centrará a súa campaña “en loitar por unha renovación do funcionamento da facultade”, na que porán o foco en que “moitas veces non nos ensinan ferramentas prácticas que no día de mañá serannos moi útiles no mundo laboral”. A esta idea suman, explicou Seoane, a importancia de “conciliar estudos, ocio e descanso”, de tal xeito que entre as accións que prevén levar a cabo figuren tamén sorteos ou concursos nos que outorgarán os seus particulares “oscar”. 

Co slogan “vendemos fume” presentouse acto seguido Fanfarrones, que se define de xeito irónico como “un partido de corruptos”. Faino ademais cun “candidato sorpresa”, que non participou na pegada de carteis, “xa que por xestións atópase no sur de España”, explicou a súa portavoz, Erika Melón. “Achegamos valor sen necesidade de valores”, sinalou na presentación dunha formación que prevé levar a cabo unha serie de accións no centro, a maior parte delas sorpresa. Entre elas, relata, colgar unha lona na que se plasmen unha serie de ideas “para a mellora da facultade” achegadas polo alumando ou o reparto “duns sobres vermellos” nos que o candidato convidará “a unha festa privada fóra da facultade”.

A serie de televisión Aquí no hay quien viva inspira por outra banda a estética da formación que presenta como candidato ao estudante Pedro Grandal, Aquí no hay quien estudie. Este partido centrará a súa campaña nunha serie de reclamacións para “a mellora das instalacións” da facultade, explica, que se combinarán con diferentes “sorteos e actividades sorpresa”. Con esa idea, a formación pon énfase na necesidade de acometer melloras no seminarios do centro, “no que as cadeiras son moi incómodas e nas que hai moi poucos enchufes”, á vez que reclama unha “especie de pase vip” na cafetaría do centro, que dea preferencia ao alumnado da facultade. 

O último partido en presentarse foi Uniproject X, unha formación que combina como inspiracións o filme Proxecto X, “que é unha película moi coñecida entre a nosa xeración sobre unha festa universitaria”, e a marca Nude Project, “que foi creada por rapaces da nosa idade”, como explica a súa candidata, Carla Fra. Con estas dúas ideas como eixe, esta formación busca pór o foco na necesidade de “crear comunidade” e de proxectar a etapa na facultade como unha combinación “da vida universitaria con que a Universidade sexa un trampolín para a nosa futura vida laboral”. Con ese propósito combinarán iniciativas máis ligadas ao ocio con actividades orientadas a amosar ao alumnado que a xente nova pode pór en marcha os seus propios proxectos empresariais, presentando unha serie de “exemplos de xente nova emprendedora”.