DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na primeira sesión de “Historia(s) de España”

O cineasta Günter Schwaiger presenta as repercusións da apertura dunha foxa común en “Santa Cruz… por exemplo”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 03/03/2009

A terra levantada das foxas comúns da Guerra Civil fixo que saisen á luz moitas historias que permaneceron silenciadas durante décadas, tal e como amosa o documental Santa Cruz… por exemplo, proxectado na primeira sesión de Historia(s) de España. Pero máis aló diso, a proxección dunha obra como a de Günter Schwaiger e Herman Peseckas provocou unha reflexión sobre o xeito en que España saldou eses acontecementos.E é que filme recolle o ambiente que se viviu na vila de Santa Cruz de la Calzada en 2003, cando se abriu unha foxa da que se recuperaron os restos de seis homes asasinados en 1936.
Fillos e netos das vítimas, membros e voluntarios da Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH) pero tamén veciños que prefiren gardar silencio e non queren mirar atrás, configuran coas súas palabras, sentimentos e xestos o guión do documental, extrapolable a moitos outros puntos do mapa español. E é que “en nove anos, a ARMH xa leva máis de 200 foxas abertas”, comentou o cineasta.
O coloquio co autor abordou asuntos como a pertinencia destas exhumacións que considerou Schwaiger “un traballo que tería que facer o estado para devolver a dignidade e a xustiza ás vítimas e ás súas familias”. Ademais engadiu que “existe a necesidade de facelo agora porque as testemuñas están morrendo e de non facelo, sería unha enorme fracaso para a democracia española”. Se algo queda claro despois do documental é que “a gran victoria final do franquismo foi ter institucionalizado o medo a falar”, algo no que todos os participantes do coloquio coincidiron.
O coordinador do ciclo, Suso Novás, formulou a actividade desde o convencemento de que non é unha mera mirada ao pasado, senón que existen conexións co futuro. Algo que se cumpriu cando Schwaiger sinalou que “estamos aquí porque hai nove anos a xente da ARMH comezou o seu labor e esa é a forza que cambia as cousas”.

A Guerra Civil na memoria colectiva mundial

Günter Schwaiger é austríaco, leva en España desde os anos noventa e a súa mirada sobre a Guerra Civil abre novas perspectivas. O cineasta confesou que, cando leu sobre ela, cando tiña quince anos, “cambioulle o chip” pola capacidade do pobo español por loitar pola súa democracia. Máis tarde ao chegar a España descubriu que "mentres na memoria colectiva mundial é unha das grandes xestas” aquí moita xente “se avergoña”. Na mesma liña, Schwaiger presentou o proxecto Imágenes contra el olvido no que un colectivo internacional de directores tratan o tema da memoria histórica española.

Unha videoinstalación que completa o ciclo

Máis aló da súa obra Santa Cruz… por exemplo, Günter Schwaiger tamén intervén no ciclo coa videoinstalación Fosa común, elaborada en colaboración con Tom Lavin, creada con imaxes do levantamento da foxa de Santa Cruz de la Salceda, da propia película ou recursos de prensa. Ademais tamén se expoñerá un mapa de España, de nove metros cadrados, cuberto con terra retirada da propia foxa.

Cecilia Bartolomé, próxima convidada

Historia(s) de España continúa coa proxección de Despois de… Non se vos pode deixar sós e Despois de… Atado e ben atado, este mércores e xoves, respectivamente. O venres Alberto Llorente, guionista de A guerrilla da memoria, substituirá ao director Javier Corcuera na proxección deste documental. O ciclo rematará o luns cun relatorio de Suso Novás no que realizará un itinerario polo tratamento da memoria no cine español.