DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É unha iniciativa do Cineclube Padre Feijóo co apoio da Vicerreitoría do campus

Cinema latinoamericano nun novo Ciclo de Estreas en Versión Orixinal

No certame proxectaranse tres películas procedentes de Uruguai, Perú e Chile

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 02/02/2010
O Cineclube Padre Feijóo vén de pór en marcha un novo Ciclo de Estreas en Versión Orixinal dedicado esta vez ao cinema latinoamericano. O certame comezará o seu desenvolvemento este mércores, 3 de febreiro, coa proxección da película uruguaia Gigante, dirixida por Adrián Biniez e premiada nos festivais de Berlín e San Sebastián. O seguinte pase será o día 10 de febreiro coa proxección da película peruana La teta asustada, dirixida por Claudia Llosa e merecedora do Oso de Ouro no Festival de Berlín. O filme chileno La buena vida, dirixido por Andrés Wood, pechará a iniciativa o día 27 de febreiro. Entre outros galardóns esta película obtivo o Premio Goya 2009 ao mellor filme hispanoamericano.
Gigante é, xa que logo, o título da película que vai inaugurar este novo Ciclo de Estreas en Versión Orixinal. Trátase dun filme uruguaio dirixido por Adrián Biniez que conta a historia de Jara (Horacio Camandule), o garda de seguridade dun hipermercado que se enamora da rapaza da limpeza que traballa no mesmo establecemento. Nun primeiro momento conformarase con observala a través das cámaras de vixilancia pero moi pronto fará todo o posible para poder coñecela.

Películas de Perú e Chile completan o certame de estreas no Cinebox

A seguinte película programada con motivo do certame leva por título La teta asustada e proxectarase o día 10 de febreiro. Trátase dun filme peruano dirixido por Claudia Llosa que ten como protagonista a Fausta, unha moza que sofre a enfermidade da teta asustada, unha doenza que se transmite pola leite materna das mulleres que foron violadas ou maltratadas durante a guerra do terrorismo no Perú. A guerra acabou pero Fausta vive co medo dese pasado. A súbita morte da súa nai vaina obrigar a enfrontarse aos seus pesadelos.
La buena vida, un filme chileno dirixido por Andrés Wood, pechará o ciclo de proxeccións o día 27 de febreiro. O filme amosa a Teresa, Edmundo, Mario e Patricia, catro habitantes de Santiago de Chile que entrecruzan as súas vidas na voráxine da gran cidade e no medio de bocinazos, frenazos e alarmas de vehículos. Cada un destes personaxes persigue un sono: Teresa (Aline Kuppenheim) é unha psicóloga que trata de salvar vidas; Edmundo (Roberto Farías) é un perruqueiro que soña con ter un coche; Mario (Eduardo Paxeco) quere entrar na Filarmónica e Patricia (Paula Sotelo) sobrevive. Cada un deles anhela un desexo que parece inalcanzable. Ningún logra o seu obxectivo, pero si obterán un resultado inesperado.
Os pases terán lugar no Cinebox (Centro Comercial Ponte Vella) ás 20.30 e ás 23.00 horas. A entrada custa 4 euros, 3 euros no caso de estudantes con carné universitario. O certame está organizado polo Cineclube Padre Feijóo co apoio da Vicerreitoría do campus, a Concellería de Cultura do Concello de Ourense, a Federación de Cineclubes de Galicia e a Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia.