DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás estrea hoxe venres un novo ciclo sobre imaxinarios sensoriais en películas

Cinema en todos os sentidos

Ao longo do cuadrimestre proxectaranse títulos como 'El Show de Truman’ ou ‘La Ventana Indiscreta’

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 19/10/2012

Como vén sendo habitual na programación cultural da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, este venres inaugúrase un novo ciclo de cine na Casa das Campás, complementando a oferta audiovisual da cidade. Desta volta, buscando ofrecer unha temática alternativa e innovadora, as xornadas tentarán analizar o papel que xogan os sentidos no cinema, tanto dende o punto de vista funcional como temático. “Esta orientación axudará ao espectador a replantexar a súa relación coa instancia audiovisual, focalizando a atención nos actos que constitúen a propia esencia do medio”, reflexiona Xesús Novas, coordinador do ciclo, que se inaugura hoxe venres da súa man coa conferencia De olladas e escoitas: a percepción e o rexistro.

Os ciclos de cinema da Casa das Campás xa se converteron nun referente “habitual” da programación cultural da cidade, converténdose nunha das poucas propostas alternativas gratuítas que quedan en pé e que contan co aval do público. “A oferta cinematográfica pontevedresa non é un exemplo de heteroxeneidade, polo que tentamos achegar unha liña heterodoxa que posibilite o acceso a propostas extraterritoriais, axudando a ampliar a actividade audiovisual local”. A pesar da redución orzamentaria, a Vicerreitoría do campus esforzouse en manter esta iniciativa porque “non quere deixar de apostar por unha programación interdisciplinar e intermedial que une entretemento, formación e participación”, engade Novás.

Para este primeiro cuadrimestre, Novás deseñou un ciclo de películas clásicas nas que cobran especial protagonismo os sentidos da vista e do oído. “A escoita e a ollada son actos consustanciais á práctica fílmica tanto na súa vertente textual como na súa esfera receptiva”, reflexiona Novás, ben converténdose no eixe argumental de moitos filmes, ben como accións que definen como tal ao propio espectador. Tal é o papel relevante dos sentidos no cinema que en moitas ocasións tematiza o propio acto de rexistro de imaxes e sons. “Visións, alucinacións, ensoñacións, universos paralelos… son vías que tentaremos explorar con este ciclo”, resume Novás.

Unha cita cos sentidos todos os venres

Nesta edición, o coordinador decidiu alternar a proxección de filmes con relatorios, “ampliando o radio de debate e de acción”. O propio Novás inaugura este venres as xornadas cunha conferencia na que incidirá como o cinema comercial tematizou a percepción sensorial e o rexistro, “chegando en ocasións a valerse de ambas actitudes para reflexionar sobre a súa propia natureza retórica”.

O vindeiro 26 de outubro comezarán as proxeccións co filme El diablo sobre ruedas, de Steven Spielberg, mentres que para o primeiro venres de outubro será a quenda de El Show de Truman. Para o 9 de novembro retómanse as conferencias da man de José Manuel López, crítico de cine, que afondará no papel dos sentidos no cinema moderno. Un clásico de Alfred Hitchcock, La ventana indiscreta, centrará o debate do 16 de novembro e Monstruoso, de Mat Reeves, o do día 23. Novembro pecharase co relatorio de Alberto Ruíz de Samaniego, profesor da Universidade de Vigo e crítico de arte, sobre a imaxe como espello da mente. O ciclo rematará en decembro coa proxección das películas El fotógrafo del pánico o día 7 e de La conversación o día 14. A cita, ás 19.00 horas todos os venres, aberta a toda a cidadanía e “gratuitamente”, lembra Novás.