DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha vintenta de representantes da delegación de Vigo visitaron o centro de investigación 

Cintecx reforza sinerxías co Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Visitas
  • Institucional
DUVI 14/04/2023

Co obxectivo de aumentar a visibilidade entre profesionais da contorna tecnolóxica e como parte da estratexia de achegamento ás empresas, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da UVigo, recibía nas últimas horas a visita dunha vintena de membros da delegación viguesa do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia. Acompañados pola directora do centro, Concepción Paz, e os subdirectores, Félix Quintero e Eduardo Suárez, os representantes da delegación coñeceron de primeira man o traballo que se desenvolve en Cintecx, así como as principais liñas de investigación e proxectos en marcha.  

“A través deste tipo de encontros, pretendemos aumentar a visibilización das nosas capacidades tecnolóxicas entre profesionais do sector e, deste xeito, sentar as bases para que poidan xurdir novas colaboracións e sinerxías coas empresas cara ao futuro”, explica Concepción Paz en relación con esta visita na que os colexiados puideron entrar nos laboratorios e ver o equipamento científico dispoñible, ademais de interactuar cos e coas investigadoras do centro, que lles amosaron os espazos nos que desenvolven o seu traballo. 

A visita concluíu con café de traballo no que os e as participantes intercambiaron ideas e reforzaron vínculos cara a futuras colaboracións.