DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de doutoramento de Daniel Vega, pioneira a nivel europeo

As cinzas da biomasa son o mellor fertilizante para pechar o ciclo de rexeneración do solo

Foi quen de calcular uns índices que miden a calidade da materia empregada na combustión

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 22/07/2011

Galicia é unha das rexións máis privilexiadas en canto a riqueza forestal e por tanto na dispoñibilidade de biomasa como fonte de enerxía. Mais, a procura da sustentabilidade é clave para garantir o seu éxito como biocombustible do futuro, de aí que Daniel Vega definira na súa tese de doutoramento un modelo que permite ligar a produción de biomasa forestal do solo galego á cantidade de nutrientes dispoñibles, “no que se cuantifica o nivel de fertilización necesario para lograr que o ciclo de biomasa se rexenere”, explica o investigador. O estudo, dirixido polo profesor Luis Ortiz, destaca ademais a idoneidade das cinzas forestais da propia combustión da biomasa como abono para o chan, marcando uns índices de referencia que permiten medir a calidade da materia empregada, o que o converte nun proxecto pioneiro a nivel europeo que recibiu a cualificación de sobresaliente Cum Laude.

Como apunta Daniel Vega, os terreos galegos caracterízanse por ter moita acidez, “e como consecuencia, unha deficiencia de calcio”, cuestión que se compensa coa reutilización das cinzas que son ricas neste compoñente, “mellorando a dispoñibilidade dos outros nutrientes necesarios para o crecemento da biomasa”. Deste xeito o investigador conclúe que as cinzas da propia biomasa “convértense no mellor fertilizante para pechar o ciclo sustentable do proceso”. Neste caso tamén cuantificou a produción forestal ligada ao contido de calcio, “para permitir ao xestor definir con precisión a cantidade de fertilizante aplicable ás masas en función do tipo de solo”.

A investigación inclúe ademais unha medición da calidade das cinzas e das biomasas forestais e agrícolas, “desenvolvendo índices de mestura para definir co-combustións entre uns materias que nun principio non serían moi idóneos para queimar con outros como a madeira, de excelente calidade”. A finalidade é detectar aquelas biomasas “con maior risco de formar aglomeracións que danan as caldeiras e ofrecer alternativas para que sexan igualmente aproveitadas”.

Estudo dos nutrientes para medir a produción da masa

Por outra banda, Daniel Vega foi quen de establecer unha ferramenta para predicir o crecemento das masas forestais, pondo en relación a súa produción, “o que pode medrar”, coa fertilidade do chan, determinada polos nutrientes do mesmo, co fin de respectar a sustentabilidade do proceso. “Trátase dun estudo que nos permite cuantificar dende un principio o potencial crecemento das masas, calculando a cantidade de nutrientes adecuada para que haxa unha renovación continua da masa”, aclara Vega. Para iso analizou distintas localizacións dentro do territorio galego “e programamos canto crecemento ían ter as masas en función da fertilidade do chan, medindo en concreto as condicións do mesmo, o clima, a dispoñibilidade da auga, como inflúen os períodos de sequía…”. Trátase de sacarlle o máximo rendemento ao solo previndo os efectos negativos, “para establecer unha explotación intensiva que respecte o ciclo completo de rexeneración”.

Un gran descoñecemento do sector

Para o investigador, unha das principais barreiras para a implantación da biomasa “é o descoñecemento do seu potencial, e aquí en Galicia é inmenso no eido forestal”. Cre que é imprescindible unha campaña de promoción que explique que é a biomasa e as súas posibilidades, “pois a xente non é consciente de que non estamos ante un residuo sen valor, senón ante un combustible cun gran valor económico e cun potencial inmenso”.