DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Circuíto 4x4 traerá á Universidade un ciclo de concertos de música tradicional e folk

Será a partir do vindeiro 8 de maio

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 28/04/2008

Co obxectivo de difundir os sons populares galegos entre a mocidade, o ciclo de Música Tradicional e Folk, incluído dentro do Circuíto 4x4, ofrece diversas actuacións que, de xeito gratuíto, se desenvolverán nas instalacións da Universidade. Así, os primeiros concertos, a cargo dos grupos Fía na Roca e Quempallou, terán lugar o vindeiro 8 de maio na Sala Multiusos do Edifico de Facultades, ubicada no campus de Ourense, e no Teatro Vidal Bolaño da cidade universitaria viguesa, respectivamente. A hora fixada para a actuación de Fía na Roca é as 19.00, mentres que Quempallou porá en marcha os seus instrumentos ás 18.30 horas.
Seguindo co ciclo, Treixadura e o seu Orfeón ofrecerán un concerto o 15 de maio ás 19.00 horas no Teatro da Cidade Universitaria e, para rematar, o día 29 á mesma hora, a Sala Multiusos de Ourense volverá a ser o escenario que acolla a actuación de Faltriqueira.

Circuíto 4x4

Co obxectivo de ofrecer música galega e de calidade, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural pon en marcha a segunda edición do Circuíto 4x4 que, nesta ocasión, conta coa participación de dezaseis grupos divididos en catro estilos. Os ciclos de Jazz, Canción de Autor, Música Tradicional e Folk e Fusión desenvolveranse ata o vindeiro 30 de xuño a través de 56 concertos en diversas localidades da nosa comunidade.
A través da programación das actuacións fóra da época de verán e en teatros, auditorios e recintos pechados nos que non se cobra entrada, o Circuíto 4x4 pretende promover a valoración social do traballo artístico e profesionalización do sector musical galego.