DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A segunda edición da carreira pedestre chega ao campus

Un circuíto máis chan e un chip individual, novidades de "10km Cidade Universitaria"

O prazo de inscrición remata o 25 de marzo

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 31/01/2008
Tralo éxito acadado na súa primeira edición, a carreira pedestre 10km Cidade Universitaria regresa ao campus o vindeiro 30 de marzo coa estrea dun circuíto máis chan e de menor dificultade, apto para tódolos públicos. Outra das novidades que a organización inclúe para esta ocasión é o control individual do tempo por carreira a través dun chip.
Ter nacido antes do ano 1990 é un requisito indispensable para inscribirse na proba, posto que as cinco categorías nas que se divide parten desa data, empezando pola júnior e rematando na dos veteranos B, que reúne aos maiores de 50 anos.
A inscrición para a carreira, que constará dunha cola de saída de 550 metros e dúas voltas a un circuíto de 4.725 metros, deberá efectuarse antes do 25 de marzo na páxina web www.championchipnorte.com e a cota é de 5 euros para o público xeral e 3 para os alumnos, PDI e PAS da Universidade. O límite máximo de participantes na carreira está fixado en 600 persoas.

O día da proba

A tradicional camiseta técnica e os dorsais de cada atleta serán entregados pola organización no momento da confirmación, que se realizará entre as 9.30 e as 11.30 horas, na secretaría situada na Praza Miralles. A saída efectuarase as 12.00 horas e tras a proba terá lugar a entrega de trofeos aos primeiros da clasificación xeral, que serán agasallados con cheques regalo de material deportivo por valor de 400, 300 e 200 euros.
Para finalizar a xornada, os participantes contarán cun menú especial para eles nos restaurantes da Área Comercial.

O programa A Correr

Para aqueles que tras a carreira queden con ganas de máis, o Servizo de Deportes ofrece o programa específico A Correr, pensando para ofrecer asesoramento ás persoas que pensen na carreira como un medio de actividade física saudable. Os adestramentos están supervisados por un licenciado en CC. da Actividade Física e do Deporte e os participantes no programa contan co apoio dun doutor especialista en medicina deportiva, que lles fará un seguimento periódico.