DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Circuíto polos novos valores madrileños na Sala X

A mostra "Cada paso conta" permanecerá aberta ata o 4 de abril

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 12/02/2010

A Sala X, o espazo expositivo da Facultade de Belas Artes, inaugurou este xoves a mostra Cada paso conta, que reúne a obra de nove creadores emerxentes. A montaxe, comisariada por Javier Díaz-Guardiola, resulta da escolla da vixésima edición do certame Circuítos de Artes Plásticas e Fotografía de Madrid, ao que se poden presentar artistas novos nados ou residentes nesta comunidade. Na súa última convocatoria este pequeno paso contou para Loreto B., Carlos Fernández-Pello, Javier Fresneda, Julio Galeote, José Enrique Mateo León, Guillermo Mora, Jesús Pedraza Villalba, Paloma Polo e Daniel Silvo. Tal e como indica o comisario no catálogo da exposición, todos eles teñen varias cousas en común: "non adscribirse a ningunha disciplina, mesturalas todas sen complexos e depositar a súa mirada en gran medida no máis próximo, nun desexo de transcender experiencias íntimas e cotiás e transformalas en materia de reflexión global". Amosan unha mestizaxe de diversas técnicas artísticas, unindo fotografía, pintura, debuxo, escultura, vídeo e instalación; e reflexionan, entre outros temas, sobre a comunicación, a política, os mecanismos de control, os obxectos da vida diaria, a realidade e a ficción ou a os propios procesos de produción artística.
O título da mostra considerouse apropiado para conmemorar as dúas décadas de existencia do certame e para sinalar o papel que xogará na traxectoria profesional dos artistas.

Un intercambio frutífero

A mostra é resultado do intercambio habitual da Facultade de Belas Artes con este certame, que se iniciou no ano 1996 e que permitiu exhibir en Madrid cinco exposicións producidas no centro do campus pontevedrés. "Para nós é moi interesante manter este contacto porque nos permite expoñer na Sala de Arte Joven, un espazo moi fermoso, que supón unha posta de largo para os nosos alumnos", destaca o responsable da Sala X, Xosé Manuel Buxán. "Facemos tamén un intercambio de catálogos, o que favorece a difusión dos artistas de Circuítos aquí e dos nosos artistas en Madrid", engade. Deste xeito, viaxaron á sala da Avenida de América as mostras Huevo el nuevo, Funxibles e Inventariablez, Lancôme con grelos, Oito_Artistas.gal e Novas da negra sombra, a primeira delas comisariada por Juan Fernando de Laiglesia, a segunda por Ignacio Barcia e as restantes por Buxán.

Único lugar de itinerancia

Cada paso conta recala en Pontevedra como o seu único lugar de itinerancia e abrangue nove proxectos moi diversos.
Loreto B. presenta Protocolos, unha instalación cargada de intencionalidade social onde os debuxos e as viedoproxeccións recrean accións posturais ante o espectador, para cuestionar o sentido dos dispositivos de control sobre os nosos movementos. Como sinala a artista no texto que acompaña a peza, procura manter en todos os seus proxectos "unha tensión entre unha forma poética e unha reflexión sobre o medio, ente unha abstracción da linguaxe e un asunto narrativo".
All alone é o título da serie de fotografías de Julio Galeote, que redefine a identidade dos obxectos cotiás, situándoos nun contexto ou disposición fóra do habitual.
No apartado das instalacións destaca o DRUM de Javier Fresneda. É un intento de apropiación da contorna á inversa, modificando un elemento mecánico e artificial, como é unha batería acústica, co seu contacto coa natureza. O creador fai isto para subverter os relatos oficiais, pois, como indica no seu texto, "gran parte do relato histórico, científico e político está cheo de procesos racionais ou ecuménicos que terminan nun desastre absurdo".
Nun camiño semellante, a montaxe Útiles para unha cumbre europea, de Carlos Fernández-Pello cuestiona verdades absolutas e consideracións políticas.

Desafíos comunicativos

Re-Re-Re-Ver-So, de José Enrique Mateo León, reflexiona sobre os medios de comunicación mediante unha disposición de cadros que dificulta a lectura das mensaxes. "O que me importa é que o feito de achegarse á formulación artística provoque no espectador algo de molestia", escribe ao respecto.
A proposta de Daniel Silvo é tamén un desafío comunicativo, pero con connotacións poéticas. Representa nun friso de mármore a grande altura a frase de San Tomé de Aquino Pulchrum est quod visu placet en braille, o que impide a súa completa recepción por parte do espectador, unha circunstancia que non nega, sen embargo, a súa existencia. "Interésame remarcar que non saber que existe algo non significa que non exista, ou, mesmo, que o feito de non ser capaces de comprendelo non implica que non sexa real", recolle a frase que acompaña a peza, na que o creador admite que busca probar ao espectador xerando certa frustración.

Representacións do proceso produtivo

Paloma Polo propón nos seus vídeos Fine e Rosebud representacións que redundan nos seus propios medios de produción, poñendo de manifesto o seu efectismo. A artista pretende demostrar con isto que non ten sentido definir a ficción por oposición á realidade, pois considera que a ficción ten enormes doses de verdade.
A instalación de Jesús Pedraza Villalba, titulada Colección de arte contemporánea Fundación La Caixa, pon o acento na redundancia das imaxes e como as enchemos de significado ao ser conscientes de que as perdemos. Deste xeito, basea o seu proceso creativo na reordenación e reelaboración de material tratado previamente.
Por último, Guillermo Mora explora en De un soplo territorios como a escultura e a instalación a partir da pintura. Para isto dobra lenzos ou fragmenta bastidores, é dicir, transgrede as lindes bidimensionais do pictórico ata alcanzar un espazo tridimensional.