DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No XIII Encontro Inter-Bienal do grupo especializado desta área da Real Sociedade Española de Física

A cita anual da termodinámica estatal será do 3 ao 5 de setembro

Durante a súa celebración renderase homenaxe ao químico galego Antonio Casares

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 23/04/2012

A principios do mes de decembro anunciouse a elección de Ourense para acoller o XIII Encontro Inter-Bienal do Grupo Especializado de Termodinámica da Real Sociedade Española de Física. Finalmente a cita será do 3 ao 5 de setembro de 2012, no histórico paraninfo do Instituto de Ensino Secundario Otero Pedrayo, e contará coa participación dos principais expertos estatais na materia. Ademais, o programa incluirá unha homenaxe ao químico galego Antonio Casares, co gallo do bicentenario do seu nacemento.

“É un orgullo para nós, para o Grupo de Termofísica da Universidade de Vigo, organizar en Ourense esta reunión inter-bienal, que en certo modo pecha o círculo do noso traballo tras acoller a IX Olimpíada Española de Física en 1998 y a XXX Reunión Bienal da Real Sociedade Española de Física en 2005”, apunta Claudio Cerdeiriña, membro do Comité Organizador da cita xunto a Luís Romaní, Diego González e Jacobo Troncoso.

Aberto xa o prazo para o envío de comunicacións, os organizadores salientan que as conferencias plenarias correrán a cargo de Miguel Costas, da Universidade Nacional Autónoma de México, que falará sobre Películas nano-estruturadas na interfase líquido/aire; e de Julio Largo, da Universidade de Cantabria, que expoñerá o tema A importancia das interaccións direccionais no deseño de novos materiais. "Na bienal presentaranse os últimos avances que se producen en termodinámica, a rama da física que describe os estados de equilibrio a nivel macroscópico, e será unha oportunidade única para intercambiar impresións e novidades entre as persoas que traballamos neste eido”, destaca Luis Romaní. A calorimetría, a termodinámica de procesos irreversibles e de transporte, a termodinámica de líquidos e mesturas líquidas, a termodinámica de membranas e a termodinámica estatística serán algunhas das áreas sobre as que se traballarán neste encontro.

Novidades no programa

Como novidade nesta edición, ademais do Grupo de Termodinámica da Real Sociedade Española de Física tamén participará parte do seu Grupo de Enerxía. “Pola relevancia que ten na física e pola importancia socioeconómica do sector enerxético, consideramos moi interesante a participación tamén deste grupo, pois permitirá afondar en cuestións tan decisivas como o almacenamento da enerxía ou a eficiencia enerxética”, explica Cerdeiriña.

Ademais do programa científico, durante a cita tamén se celebrará unha homenaxe ao químico galego Antonio Casares (1812-1888). Segundo destacan os organizadores a súa elección baséase no feito de que Casares participou nas primeiras operacións cirúrxicas realizadas con anestesia en España, foi autor do primeiro estudo científico sobre os viños galegos e realizou as primeiras análises dos mananciais de augas medicinais de Galicia. “Unha cidade e unha provincia como Ourense, cunha gran riqueza termal, non podía perder a oportunidade de homenaxear a este ilustre científico monfortino con motivo do bicentenario do seu nacemento”, apuntan os organizadores.