DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla acollerá un módulo práctico destinado a patólogos

Cita a principios de 2012 na ECIMAT para os expertos en diagnose patolóxica de peixes

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 02/11/2011
No primeiro cuadrimestre do vindeiro ano a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla acollerá un workshop práctico destinado a profesionais, persoal técnico e investigador e alumnado interesado en mellorar os seus coñecementos sobre diagnose sanitaria en peixes. Este módulo práctico que se impartirá na ECIMAT completará a formación impartida no VII Curso de Diagnose Patolóxica en Peixes que se desenvolveu a finais do mes de outubro na sede do Institut d´Estudis Cataláns de Barcelona.
Na edición máis concorrida do curso celebrada ata o de agora participaron 65 persoas, patólogos na súa maioría, que desenvolven a súa actividade nas principais empresas acuícolas e acuarios de exhibición de España, así como en empresas estranxeiras de Italia, Portugal, Reino Unido, China e Grecia e tamén investigadores. Ao longo de catro días abordáronse os principais métodos de protocolización diagnóstica, ferramentas de diagnose e xestión dos resultados para poder mellorar a calidade das avaliacións sanitarias en poboacións de peixes.

O Curso de Diagnose Patolóxica en Peixes está organizado pola ECIMAT, o Servizo de Diagnose Patolóxica de Peixes da Universitat Autònoma de Barcelona e a empresa Skretting España coa colaboración da Xarxa de Referencia de I+D+i en Aqüicultura da Generalitat de Catalunya e do Institut dÉstudis Catalans a través da súa filial a Societat Catalana de Biología.