DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ministra, presidente da Xunta, reitor e alcalde inauguraron este luns o edificio

Citexvi ponse en marcha como pulo de investigación do sur de Galicia

Cun compromiso de ocupación do 85%, a finais de ano traballarán nestas instalacións 200 traballadore

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 18/07/2011

Naceu co novo século como unha idea, no 2005 aprobouse a súa creación e hoxe é xa unha realidade. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e a ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, inauguraron este luns xunto ao reitor, Salustiano Mato e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o edificio de Citexvi, Cidade Tecnolóxica de Vigo, SA, unha entidade que nace como “acelerador de negocios e punta de lanza que faga posible que chegue a bo fin ese camiño que vai entre o coñecemento e a súa posta en valor”, tal como subliñou durante a inauguración o reitor e a ministra Garmendia, quen fixo fincapé na capacidade da universidade viguesa de conectar “a investigación académica coas necesidades do sector produtivo”.

Polo de atracción de proxectos de I+D+i para o sector empresarial, o eixe de actuación da Cidade Tecnolóxica de Vigo céntrase en xerar sinerxías entre o mundo das empresas e o ámbito científico-tecnolóxico, pondo a disposición do tecido empresarial galego servizos tecnolóxicos de última xeración. “Trátase de apostar pola comercialización dos resultados da investigación”, insistiu o presidente da Xunta de Galicia, que fixo fincapé en que “o edificio que hoxe inauguramos é proba do traballo e dos froitos que pode dar a colaboración e cooperación entre ás distintas administracións e as empresas”, engadiu.

Con esta nova infraestrutura trátase pois de estreitar a relación entre universidade e tecido empresarial poñendo á súa disposición un espazo e unha ferramenta que permitan acelerar os negocios innovadores e a transferencia do coñecemento xerado polos grupos de investigación á sociedade na que se insiren.

Mato: “un soño convertido en realidade”

“Abrimos as portas de algo que hai oito anos parecía un soño e agora é unha realidade”, con estas verbas o reitor vigués, presidente da Cidade Tecnolóxica puxo de relevo a importancia desta data para a Universidade de Vigo e os outros tres parceiros que acompañaron á Universidade neste camiño: Novacaixagalicia, Zona Franca e Xunta de Galicia. O reitor e presidente da Cidade Tecnolóxica destacou que “unha peza física como esta, un continente como este, sen contido non é nada, pero neste caso temos ambas e de calidade”. Neste sentido Mato apuntou que no edificio traballan xa arredor de 100 persoas altamente cualificadas e o 85% da ocupación xa está comprometida. Para finais de este ano o reitor adiantou que o número de investigadores será de arredor de 200, “cunha media de idade de 27 anos e con alto nivel de preparación, entre eles unha elevada porcentaxe de mulleres”.

Nun acto no que todos os asistentes fixeron referencia aos momentos de crise actuais, o reitor avogou por ser quen de progresar grazas ás alianzas e á innovación. “Temos que construír o futuro e este é o noso exemplo, o noso gran de area, para visualizar o positivo da colaboración entre institucións, este é o xeito de recuperar a confianza da cidadanía”, insistiu Salustiano Mato, ao que o presidente da Xunta engadiu que “a recuperación do crecemento e do emprego ten que vir da innovación”.

O alcalde de Vigo, pola súa banda, puxo de relevo a estreita relación que une á Universidade coa cidade e destacou a posta en funcionamento de Citexvi como “a crónica dun éxito anunciado” polo potencial docente e investigador da institución académica, ao tempo que remarcou a importancia estratéxica da Cidade Tecnolóxica para fortalecer os lazos entre universidade, sociedade e tecido empresarial e impulsar o crecemento económico de Vigo e de Galicia.

Percorrido polas instalacións

Durante a visita ao edificio, as autoridades tiveron a oportunidade de coñecer con detalle estas instalacións tecnoloxicamente avanzadas, así como interesarse polo desenvolvemento e proxectos das empresas alí instaladas. O edificio, que conta con 6.700 m2 distribuídos en catro plantas, destina 3.600 m2 a aloxar iniciativas de I+D+i e proxectos empresariais, dedicando o resto a servizos xerais e de apoio.

A visita ás instalacións incluíu tres pequenas paradas nas que as autoridades tiveron a oportunidade de recibir de primeira man información sobre tres das firmas instaladas xa en Citexvi: Gradiant, Iqube e EnergyLab. Videovixilancia avanzada, biometría, redes de nova xeración móbiles, mobiliario intelixente... foron explicados en detalle polos investigadores que están instalados xa nestas novas instalacións.

Cita de autoridades

A inauguración do edificio da Cidade Tecnolóxica de Vigo contou coa presenza de numerosos convidados vinculados á Universidade, á empresa e ao ámbito político e social de Galicia. Ademais dos vicerreitores, decanos e directores dos diferentes centros da Universidade, o acto contou coa asistencia dos conselleiros de Economía e Industria e Educación e Ordenación Universitaria, Javier Guerra e Jesús Vázquez; a delegada da Zona Franca en Vigo, Teresa Pisano; o presidente de Novacaixagalicia, Julio Fernández Gayoso; a delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares; o delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo e o subdelegado en Pontevedra, Delfín Fernández; a secretaria xeral de Innovación, Mar Pereira; o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, José Manuel Figueroa; a senadora Carmela Silva, e o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño, entre outros destacados cargos.

 

Garmendia e Feijóo sitúan a Cidade Tecnolóxica “á vangarda da innovación, o coñecemento e o crecemento económico”

6700 m2 dedicados á innovación e á transferencia do coñecemento