DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Citexvi será inaugurado o 18 de xullo polo presidente da Xunta e a ministra de Ciencia e Innovación

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 12/07/2011

O edificio de Cidade Tecnolóxica de Vigo, situado no campus da Universidade de Vigo, será inaugurado o próximo luns 18 de xullo polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a ministra de Ciencia e Innovación Cristina Garmendia Mendizábal. Ao acto, que contará coa presenza do presidente de Citexvi e reitor Salustiano Mato de la Iglesia, está previsto que asistan numerosas autoridades e persoeiros do mundo universitario, empresarial, político e social de Galicia.

Citexvi, Cidade Tecnolóxica de Vigo, SA, entidade constituída por catro socios estratéxicos: Universidade de Vigo, Consorcio Zona Franca de Vigo, Novacaixagalicia e Xunta de Galicia, é a xestora do Parque Científico e Tecnolóxico da Universidade de Vigo. Exerce de polo de atracción de proxectos de I+D+i para o sector empresarial, xa que o seu eixe de actuación céntrase en xerar sinerxías entre este e o ámbito científico-tecnolóxico da Universidade, poñendo á súa disposición a súa plataforma de servizos tecnolóxicos de última xeración así como a capacidade de xestión dos seus recursos de I+D+i.

O programa comprende un acto inaugural e unha visita ao edificio. Neste percorrido, ademais as autoridades poderán coñecer as actividades e características técnicas das entidades que xa están aloxadas.