DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segunda edición do Curso de Comunicación

O CITI fomenta a confianza e a complicidade entre empresarios e investigadores

Favorecer o investimento en I+D+i vai ser outra das finalidades das xornadas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 19/11/2009

Son moitas as horas que os investigadores pasan a cotío nos seus laboratorios para contribuír ao desenvolvemento da sociedade. E, por suposto, para xerar coñecemento. Pero o seu traballo non pode quedar agochado tralas paredes das institucións académicas, senón que os resultados que obteñan deben chegar ao gran público para a súa utilización. E, para iso, fai falla que entre en escena outra figura moi importante: o empresario.
Analizar as técnicas de transferencia efectiva do coñecemento entre investigadores e empresarios é, precisamente, o obxectivo da segunda edición do Curso de Comunicación que vén de pór en marcha o Centro de Investigación, Transferencia e Innovación –CITI- co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo. O curso desenvolverase en catro xornadas: 24, 26 e 30 de novembro, e 2 de decembro, e en distintos escenarios do campus, como son o Edificio Politécnico, o Edificio de Ferro e a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. E cada unha destas xornadas estará dedicada a un aspecto concreto da temática, como son as Políticas de I+D+i, a Perspectiva empresarial, as Técnicas de negociación, e o Márketing científico. Trátase, xa que logo e nas palabras de Lorenzo Pastrana, director de Transferencia da Universidade de Vigo, dun “programa moi completo que abarca dende as persoas que interveñen no deseño das políticas de I+D ata os usuarios finais desas políticas, como son os empresarios e os investigadores”.

Coñecemento das políticas públicas de apoio á transferencia

Un dos aspectos que deben coñecer moi ben os investigadores son as políticas públicas de apoio á transferencia, e a esta temática vai estar dedicada a primeira das xornadas do curso, o 24 de novembro. Intervirán Javier Pereiro, director de FEUGA –Fundación Empresa Universidade Galega- e Salustiano Mato, ex director xeral de I+D da Xunta de Galicia.
Coñecer cáles son as demandas específicas do colectivo empresarial é outra das cuestións que os investigadores deben ter moi en conta á hora de deseñar e de levar adiante os seus proxectos, e a ela vai estar dedicada a sesión do 26 de novembro, con ponentes como Suso Méndez, xefe de sección de I+D de Coren ou Lino Comesaña, director do Instituto de Desenvolvemento de Caixanova.

Técnicas de negociación e marketing científico

A xornada do 30 de novembro dedicarase ás técnicas de negociación. No seu transcurso, especialistas como Ernesto de los Reyes, da Universidade Politécnica de Valencia, explicaranlles obradoiro para coñecer e pór en práctica estas técnicas. A cuarta e última sesión do curso, o 2 de decembro, abordará outra temática de moita importancia para os investigadores: o márketing científico, onde se explicarán algunhas nocións básicas que axuden a estes profesionais a vender o seu traballo.
Lorenzo Pastrana explica que este II Curso de Comunicación persegue un dobre obxectivo. Nas súas palabras, “queremos que os asistentes ás xornadas reciban uns coñecementos sobre a temática. Pero, sobre todo, o que van permitir estes encontros é que investigadores e empresarios se coñezan nun espazo distendido e cercano, no que terán a posibilidade de compartir as súas inquedanzas e problemas. Pensamos que vai ser unha boa maneira de xerar confianza e novas complicidades entre os dous sectores”, declara.