DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense rendeu homenaxe a esta pioneira na loita pola igualdade

Clara Campoamor, "cidadán antes que muller"

O acto contou cunha conferencia e cunha proxección sobre a súa figura

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 15/03/2012

Foi unha pioneira en moitos aspectos. Clara Campoamor está considerada a primeira muller en falar antes as Nacións Unidas e a segunda avogada colexiada. Unha oradora excepcional que partindo dunha familia humilde pasaría á historia por defender o voto feminino no Congreso dos Deputados en 1931, porque, como afirmou, “síntome cidadán antes que muller”. Por esta achega á igualdade, o campus de Ourense rendeulle estes xoves unha homenaxe dentro dos actos de conmemoración organizados co gallo do Día Internacional da Muller.

A iniciativa forma parte do ciclo Pioneiras. Unha homenaxe ás primeiras loitadoras polo recoñecemento da muller que está a organizar a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo nos tres campus. En Ourense a figura elixida para a homenaxe foi Clara Campoamor. Os asistentes ao acto puideron coñecer esta figura grazas a unha conferencia de María Teresa Arias Bautista, historiadora e presidenta da Agrupación Ateneísta de Estudios sobre la Mujer Clara Campoamor, e á proxección da película Clara Campoamor, la mujer olvidada. A homenaxe, presentada pola docente Susana Reboreda, contou tamén coa asistencia de María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e de Anabel González, directora da Unidade de Igualdade.

Débeda pendente

“Cando agora as mulleres imos votar nunhas eleccións deberíamos ser conscientes do traballo que mulleres como Clara Campoamor tiveron que facer”, explicou María Teresa Arias. A historiadora fixo un percorrido pola “intensa vida chea de avatares” desta muller, que a principios do século XX e xa con 34 anos sacou o Bacharelato para logo estudar Dereito en dous anos e converterse nunha excepcional oradora e avogada que traballou pola defensa xurídica dos dereitos da muller e dos menores.

Considerada unha muller ambiciosa por moitos compañeiros por querer entrar nos cadros de poder tradicionalmente ocupados por homes, Ares salientou como un momento clave na traxectoria de Campoamor cando pediu o voto para as mulleres e denunciou “o profundo erro de deixalas ao marxe do dereito” diante dun Congreso dos Deputados en contra. Loitadora, traballadora, intelectual, feminista, republicana e laica, despois da 2ª República veríase abocada ao exilio e ao esquecemento da historia, algo que con actos coma o deste xoves no campus de Ourense queren contribuír a emendar.

O ser andróxino

Ademais desta xornada sobre Clara Campoamor, o campus de Ourense acolleu dúas actividades organizadas polo colectivo artístico Miscelánea En Tres Tempos co gallo da conmemoración o 8 de marzo. As súas acción comezaron cunha conferencia sobre A figura do ser andróxino, moda, arte ou necesidade?, a cargo de Ana Rodríguez, titulada da Escola de Moda de Santiago de Compostela, e de Andrea Valado, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Durante a conferencia Valado realizou un percorrido pola androxinia no caso da artes, desde Platón e Leonardo da Vinci ata Duchamp e Marina Abramovi?. Un percorrido que no caso da moda Rodríguez comezou a principios do século XX coa liberación das capas de vestimenta que levaban ata entón as mulleres e rematou nas tribos urbanas andróxinas de hoxe en día.

Trala conferencia, o colectivo celebrou un Obradoiro de caracterización que intentou achegar o sexo masculino e o feminino a través da creación de apariencias mediante a maquillaxe e o vestiario. O alumnado participante puido xogar a pórse no rol do sexo oposto a través da roupa, colocándose perrucas e bigotes postizos e maquillándose coa caracterizadora Silvia Calvo, sempre intentando acompañar esta muda física coa adaptación da expresión corporal.