DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha clase maxistral, e moi divertida, de violín dá a benvida ao Nadal

O músico libanés Ara Malikian ofreceu un concerto no que repasou os '24 Caprichos de Paganini '

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 16/12/2010
Para dar a benvida ao Nadal e comezar a despedir 2010 nada mellor que música e se falamos de música no contexto universitario nada mellor que acompañalo dunha pequena “clase maxistral” sobre o tema. Así o puideron comprobar e gozar as arredor de 250 persoas, entre eles o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que este xoves asistiron ao tradicional concerto de Nadal do campus de Ourense. O violinista libanés Ara Malikian deleitounos cunha “clase maxistral” de violín na que a medida que ía interpretando pezas dos 24 Caprichos de Paganini ía explicando, con sentido do humor e sinxeleza, as revolucións que Paganini fixo na música.

O salón multiusos do Edificio de Ferro quedouse pequeno para acoller a toda a xente que se quixo achegar ata o campus e participar nesta tradicional cita universitaria. Profesores, persoal da universidade, alumnado e ourensáns en xeral achegáronse para escoitar e ver in situ o espectáculo de Malikian, que está considerado un dos intérpretes máis orixinais e innovadores do panorama musical, destacando polo seu estilo propio, forxado a partires das súas orixes e das súas vivencias musicais.

Entre os asistentes que gozaron, aprenderon e riron con Malikian estivo o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que quixo compartir coa comunidade universitaria ourensá esta cita, a última que reúne neste 2010 aos diferentes colectivos universitarios. No concerto estivo acompañado pola vicerreitora de campus, María Lameiras, e a vicerreitora de Investigación e Transferencia, María Victoria Jato.

As revolucións de Paganini

Durante o concerto, Ara Malikian deixou patente a linguaxe tan persoal que o caracteriza e na que se dan a man o virtuosismo da gran tradición clásica europea e a inquedanza por achegar a música a todos os públicos. Deste xeito foi interpretando en Ourense parte dos 24 Caprichos para violín solo que compuxo Niccoló Paganini entre 1801 e 1807. Escolleu as pezas que mellor representaban a revolución que supuxo este compositor para a música e entre capricho e capricho explicou, a modo de monólogo con moito sentido do humor, ironía e sinxeleza, a historia do violinista italiano, as súas técnicas e as súas contribucións á música.

A elección desta obra non é casual. Paganini, tal e como lembrou Malikian no concerto, é considerado un dos mellores violinistas de todos os tempos, existindo a lenda de que era tan perfecta a súa técnica que os seus coetáneos chegaron a pensar que estaba baixo o influxo do diaño. En consonancia coas súas excepcionais capacidades interpretativas, compuxo 24 Caprichos, unha das pezas máis difícil de executar para un violinista. Malikian foi debullando estes 'caprichos' para amosar os cambios de técnica, como o golpe de arco e os cambios físicos no violín que permitiron a Paganini tocar tres veces máis rápido e con máis notas do que ata daquela se facía. Uns cambios que o converten “no Fernando Alonso do século XIX”, segundo di Malikian con humor.

Con este concerto A Intercultural pechou o seu programa de actividades de 2010. A través de accións centradas no ámbito audiovisual, musical, escénico e divulgativo, ao longo deste ano a Intercultural desenvolveu unha ampla programación cultural que tentou ofrecer á comunidade universitaria e á cidade diferentes respostas á pregunta Que está pasando aí fóra?, o cine documental de autora ou o alzheimer a través da experiencia de Pasqual Maragall foron algúns dos seus protagonistas.

Danza improvisada

A actuación de Ara Malikian non foi a única manifestación artística do campus este xoves. O Obradoiro de Danza que comezou o pasado 19 de outubro no campus de Ourense rematou cunha improvisación das súas alumnas na entrada do Edificio Xuridico-Empresarial. Oito rapazas puxeron en escena e diante dos seus compañeiros de estudo o aprendido neste taller. Nun pequeno espectáculo de improvisación xuntaron música, proxeccións e danza para pechar dun modo moi especial un curso impartido polo colectivo escénico Traspediante.