DUVI

Diario da Universidade de Vigo

21 alumnos e alumnas estrean este curso a modalidade semipresencial de Dirección e Xestión Pública

A clase en zapatillas

A maioría das persoas matriculadas son funcionarios que queren compatibilizar os estudos coa vida la

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 13/11/2014

Poder compatibilizar a vida laboral e familiar cos estudos, coa inquedanza persoal por ampliar coñecementos. Este é o motivo fundamental que levou a 21 persoas, boa parte deles empregados públicos, a converterse nos primeiros alumnos e alumnas da nova modalidade semipresencial do grao en Dirección e Xestión Pública. Unha modalidade que substitúe ás aulas pola plataforma de teledocencia da Universidade, a través da que os estudantes coñecen os contidos das materias, realizan exercicios prácticos ou contactan co profesorado desde as súas casas, diante do ordenador, quitándolle horas ao sono, aproveitando as fins de semana ou mesmo aqueles ratos nos que os fillos ven en calma os debuxos animados

“Teño unha nena de dous anos e non podería asistir a un grao presencial, xa que non podo establecer un horario fixo”, apunta a funcionaria Susana López, que recoñece que, no seu caso, o momento de acceder á plataforma de teledocencia e estudar ou preparar os diferentes traballos depende dos ocos que van xurdindo no día a día. “Aproveito cando a nena durme a sesta ou está tranquila vendo os debuxos animados e tamén as fins de semana”, apunta con humor esta empregada pública, que, pese a todo, cre ir “levando ben o ritmo” das clases. Nunha liña similar, maniféstase César López, un alumno que incide en que o primeiro grao semipresencial do campus “era a única opción que tiña para poder compatibilizar os estudos co traballo”. Aínda así, unha vez metido xa na dinámica da titulación, recoñece que ás veces “resulta complicado atopar un momento todos os días e ter unha continuidade, hai que ter moita constancia, xa que a túa organización tampouco depende de ti, senón do traballo e da familia”, apunta este profesional dunha empresa de servizos medioambientais, que ten nas administracións os seus principais clientes. De aí, que López saliente que máis aló do seu interese persoal por un grao que “mestura economía, dereito e ciencias políticas”, a titulación que se imparte en Ciencias Sociais e da Comunicación tamén lle resulta atractiva desde o punto de vista profesional.

“Necesitaba un grao que se adaptara as miñas circunstancias e cando vin a súa presentación na prensa, pensei que iso era o que buscaba”, engade outra das alumnas, Celia Comesaña. “Teño dous fillos, e iso supón moito tempo, axudar nos estudos, escoitar problemas, facer de taxista...”, apunta esta traballadora do Sergas, que salienta a “vantaxe que supón poder elixir cando formarse, aínda que teñas que engadirlle horas ao día, erguerte máis cedo nas fins de semana ou renunciar a algunhas actividades cotiás”. Esa adaptación ao tempo libre de cada un é tamén un factor destacado por Eva Lojo, xa que lle fai posible “compaxinar estes estudos con outros que tiña pendentes, xa que non me gustaría ter que deixar todo por incompatibilidade de horarios”.

Un cambio de tendencia

Aínda que inicialmente íanse destinar 15 prazas da titulación a esta modalidade, o interese que espertou esta nova opción levou a ampliar a 21 o número final de matriculados, que sumados aos 24 da modalidade presencial permiten “cambiar a tendencia de descenso de matrícula” dos últimos anos, segundo apunta o coordinador do grao, Enrique Varela. Por iso, este docente amósase “moi satisfeito” coa posta en marcha dunha modalidade na que se matricularon “fundamentalmente de empregados do sector público” e que ten as súas características máis salientables na “personalización”, a través de “mecanismos de seguimento e acompañamento do alumnado”, e na súa metodoloxía de avaliación continua, que supón “unha das grandes diferencias con respecto á formación a distancia clásica”.

Cando a clase está na pantalla do ordenador

Recoñece Enrique Varela que a implantación desta nova modalidade obrigou ao profesorado a “adaptar os contidos teóricos a formatos virtuais” e a formarse para operar nunha nova contorna, para o que resultou “moi valiosa” a experiencia do máster online en Dirección Pública e Liderado Institucional que se imparte na facultade. Non en van, o obxectivo era trasladar á plataforma de teledocencia todo o relacionado coas diferentes materias do grao. “Aí teñen os temarios, os contidos, as tarefas que os profesores lle van marcando, todo o que precisan salvo algún manual”, apunta Varela.

Mais esa adaptación á contorna dixital non só supuxo un esforzo para o profesorado, tamén para o alumnado. “As primeiras semanas resultaron algo difíciles, xa que había que familiarizarse coa metodoloxía e coa plataforma”, apunta Miguel Ángel Bermúdez, funcionario do Estado, que recoñece terse sentido “un pouco perdido” no arranque do curso, ao tempo que admite “que os profesores son moi atentos con nós”. Nesa mesma liña, Celia Comesaña admite que “nalgúns momentos vinme un pouco desbordada, porque o traballo a través da plataforma era descoñecido para min, ademais incorporeime máis tarde e acumulóuseme o traballo”. Mais tamén destaca que, unha vez metida na dinámica da titulación, a formación a través da rede está a resultar “unha moi boa experiencia”.

Poñer os zapatos un día á semana

Aínda que a base do traballo nesta modalidade debe realizarse desde casa, a aprendizaxe a través da rede complétase coas titorías que se desenvolven na facultade, ás que está asistindo “de forma regular preto do 60% do alumnado, pese a que non son obrigatorias”, explica Varela, que recoñece que esta afluencia “dános moito ánimo, tendo en conta ademais o perfil do alumnado, todos profesionais tanto do ámbito público como do privado”. Divididos en dúas quendas, o profesorado das diferentes materias reúnese un día á semana cos estudantes, nunha sesión que “permite máis que nada resolver as dúbidas que se poidan presentar e perderlle o medo as materias”, como apunta César López, que acude cando lle é posible a unhas titorías que tamén lle permiten “ver como van evolucionando os compañeiros”.