DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Área de Deporte e Saúde conta cunha nova unidade dedicada á fisioterapia

Clases, apuntes e 45 minutos de masaxe para afrontar os estudos con éxito

Dor de costas, tendinitis e contracturas son as doenzas máis comúns atendidas polo servizo

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Raquel Feijóo DUVI 02/03/2010

A Área de Deporte e Saúde conta cunha nova unidade dedicada a tratamentos de fisioterapia. O servizo comezou a funcionar a comezos do mes de febreiro baixo a dirección da fisioterapeuta e osteópata Patricia Fernández e, dende a súa posta en marcha, foron 13 as persoas que se achegaron polo pavillón universitario para facer uso dos seus tratamentos, a maioría deles con dor de costas pero tamén con outras doenzas como lesións derivadas da práctica de actividades deportivas e sobrecargas musculares de membros inferiores do corpo.
Guillermo Santos, coordinador da área, explica que a posta en marcha desta unidade responde á petición expresa dos usuarios do programa Ponte en Forma, unha iniciativa que naceu no ano 2008 co obxectivo de difundir a necesidade de practicar exercicio físico entre os membros da comunidade universitaria. Segundo as súas palabras, “a Unidade de Fisioterapia era o eslabón que faltaba para completar a Área de Deporte e Saúde, que conta xa con outras dúas unidades que traballan nos campos da atención física pesonalizada e na medicina deportiva. Desta forma aumentamos o servizo e facilitamos un tratamento completo para os membros da nosa comunidade”, declara.

Terapia manual con masaxes e estiramentos

Aínda que leva pouco tempo dirixindo a unidade Patricia Fernández non dubida en revelar que a dor de costas é a doenza máis común que trata. De feito a maioría dos pacientes que acudiron á súa consulta son mulleres de mediana idade, profesoras do campus, que sufrían este problema. Segundo explica, “estas persoas pasan moito tempo traballando diante do ordenador e tamén de pé dando clases e as posturas que adoptan non son as correctas na maioría dos casos o que lles produce moita dor”. Para combatela a fisioterapeuta utiliza terapia manual a base de masaxes, estiramentos e movilizacións articulares. Con todo, a unidade conta tamén con aparatos de electroterapia para quitar a dor e a inflamación e potenciar un músculo débil.
Outros tratamentos utilizados pola profesional son a termoterapia e a crioterapia, “terapias por medio de calor e de frío que se aplican en articulacións e músculos que sufriron algún tipo de lesión”, segundo explica. A fisioterapeuta matiza así mesmo que non é necesario practicar deporte para facer uso da Unidade de Fisioterapia e que profesores e estudantes van atopar neste servizo un alivio á dor cervical, a máis común nestes colectivos. Nas súas palabras, “os estudantes pasan tamén moitas horas sentados collendo apuntes, ao que hai que engadir os nervios dos exames. Todo iso sobrecarga a parte alta das costas e produce dor”. No caso dos deportistas unha das lesións máis comúns a tratar é a tendinite rotuliana, é dicir, a inflamación do tendón por unha sobrecarga muscular, así como as contracturas dos membros inferiores do corpo.

Un centenar de inscritos no programa Ponte en Forma

A finalidade do programa Ponte en Forma é a de concienciar ás persoas dos beneficios da realización de exercicio físico de forma regular, moderada e supervisada de forma individual. Cando un paciente demanda este servizo o primeiro paso é facerlle unha valoración médico-deportiva inicial que xera un informe médico, así como unha entrevista persoal. Cos resultados os responsables do programa elaboran un plan de traballo individualizado “que se vai modificando cando é necesario”, segundo puntualiza Guillermo Santos. O usuario vai traballar baixo a supervisión de especialistas en actividade deportiva “e, despois de catro meses, vólvese facer unha nova revisión médico-deportiva onde se obteñen resultados da evolución do usuario que permiten facer os axustes precisos para un mellor rendemento individual no campo da saúde”, explica. Santos puntualiza tamén que os usuarios do programa poden ter a certeza de que están en boas mans. Segundo explica, “traballamos nun campo no que se cometen moitos erros, sobre todo por descoñecemento, e que á larga poden levar a problemas importantes a nivel físico, de aí a importancia de facer un seguimento específico e cualificado do paciente por profesionais e coa axuda do equipamento necesario”.
O servizo cumpre xa os seus dous primeiros anos de vida e a valoración é positiva. Segundo Guillermo Santos, “nestes momentos contamos con preto dun centenar de inscritos, persoas que pouco a pouco se van concienciando das bondades de practicar exercicio físico supervisado”. Os responsables da iniciativa non se conforman con estes resultados e teñen xa no peto unha morea de novos e ambiciosos proxectos. Segundo Santos, “intentaremos incluír xornadas de divulgación e formación, cursos, exposicións e publicacións de artigos e xornadas de control da condición física que teñan unha relación directa ou indirecta coa saúde, así como incidir, desde distintos ámbitos, en apartados como a nutrición, o tabaquismo e outros hábitos nocivos para a saúde que, en realidade, van a confluír todos eles na saúde integral da persoa”, declara.