DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A artista catalá Nuria Güell expón na Sala X ata o 14 de setembro

Clases de economía dende a arte

Aplica a política monetaria dos bancos a un proxecto artístico

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 26/06/2012

A arte tamén é quen de realizar unha lectura da "poderosa" enxeñaría financeira actual. Mostra diso é a nova exposición que acolle a Sala X da Facultade de Belas Artes dende este xoves, Aplicación Legal Desplazada #1: Reserva Fraccionaria, da artista catalana Núria Güell. Este proxecto expositivo é resultado dunha análise que a propia Güell fai das entidades banqueiras e do seu modo de crear diñeiro para logo achegar fórmulas innovadoras á cidadanía para que poidan tamén facer uso creativo das estratexias financeiras. Tal como explica a artista, a súa intención é “repensar a ética practicada polas institucións que nos gobernan” co obxectivo de facela visible e cuestionala.

Esta exposición é resultado de todo un proceso de estudo que culminou coa publicación do manual titulado Como podemos expropiar diñeiro ás entidades bancarias?. O proxecto nace de aplicar a política monetaria actual a unha proposta artística, “creando así unha aplicación legal desprazada”, o que xustifica parte do título da exposición, mentres que a expresión res ‘reserva fraccionaria’ refírese ao sistema que lle permite aos bancos crear diñeiro como débeda, “algo que está aceptado legalmente, polo que nós tamén o consideramos lícito”. A partir de aí, Güell deseñou “un plan mestre” que propón aplicar á banca “a mesma lei que regula a súa actividade xeradora de diñeiro” para facer público un funcionamento “que conscientemente se mantén oculto á poboación”. Para iso, a artista catalá creou varias plataformas de difusión e formación abertas á cidadanía sobre as diversas estratexias para expropiar recursos ás propias entidades bancarias, “aplicando o mesmo proceso á inversa”.

Varias fases

A exposición resultante amosa todas as fases polas que pasou este proxecto. Así, recolle evidencias dos primeiros pasos, a realización de encontros pedagóxicos protagonizados por expertos na materia nos que explicaron as diferentes estratexias de expropiación levadas a cabo polos bancos. A partir das achegas dos profesionais, Güell editou unha publicación que inclúe tamén asesoramento legal e textos reflexivos e que distribuíu gratuitamente en diferentes espazos públicos e pola rede. Ademais, foi quen de colocala nas librarías españolas grazas ao apoio das editoriais Melusina e Tangram, “integrando así o proxecto de modo definitivo na realidade”. Todos os encontros e debates realizados ao abeiro deste proxecto foron gravados e forman parte desta mostra, igual que a publicación e unha recreación do plan mestre que “deu vida” a esta proposta.

Horario de verán

Esta exposición de Nuria Güell poderase visitar ata o vindeiro 14 de setembro na Sala X da Facultade de Belas Artes. Con motivo da implantación do horario de verán, ao longo do mes de xullo, o espazo soamente abrirá polas mañás, mentres que en agosto permanecerá pechado.