DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo se conclúe na tese de doutoramento de Elena Lorenzo

Clases de educación postural para evitar doenzas de costas en alumnos de secundaria

A autora propón unha unidade didáctica dentro da materia de Educación Física

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Duvi DUVI 23/01/2009

Como unha das doenzas máis antigas do ser humano, a dor de costas representa hoxe en día un dos maiores problemas a nivel social, feito que se agravou nos últimos anos co incremento de rapaces cada vez máis novos que padecen esta molestia. Sen embargo, e segundo se conclúe nunha tese de doutoramento do departamento de Didácticas Especiais da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, este tipo de problemas poderían evitarse a través dunha axeitada educación postural que ensine aos alumnos os coñecementos necesarios para o coidado das costas. Deste xeito, a autora da investigación, Elena Lorenzo, afondou durante catro anos en como desde a área da Educación Física é posible promover a saúde para evitar as comúns doenzas e alteracións das costas, en concreto nos rapaces de ensino secundario.

A Educación Física como a promotora da saúde

Para levar a cabo o seu estudo, Elena Lorenzo deseñou e puxo en práctica unha intervención dirixida a alumnos de 3º de ESO coa que, a través dunha unidade didáctica, os rapaces coñecerían as principais regras para adoptar posturas axeitadas e evitar así as futuras doenzas de costas. A proposta da autora incluíuse dentro da materia de Educación Física, a área da que ela provén e coa que considera máis doada a promoción da saúde. Este non é o primeiro caso no que se pretende incluír a educación postural neste eido, “cada vez son máis os proxectos deste tipo que toman en conta a actividade física, baseada en transmitir coñecementos que outorguen aos estudantes a responsabilidade de decidir e realizar condutas saudables”, explicou a investigadora. Ademais, engadiu que “é preciso amosar a importancia que ten para que a súa presenza na práctica sexa máis continuada”.
Os resultados obtidos da intervención amosaron unha actitude do alumnado cara á unidade didáctica moi positiva, así como unha modificación nos hábitos diarios de conduta dos estudantes. Por outra banda, en determinados rapaces mudou a concepción que tiñan da Educación Física como rendemento físico, pasando agora a formar parte desta nova perspectiva da materia o coñecemento do corpo, a importancia dun exercicio racionalizado ou incluso a mellora da autoestima.

Hábitos inadecuados, principais factores de risco

Segundo establece Elena Lorenzo na súa tese, os principais factores de risco que provocan as doenzas de costas entre os escolares son unha acumulación de hábitos diarios inadecuados entre os que destacan unha mala posición sedente durante períodos de tempo excesivos e o transporte de mochilas con demasiada carga. Ademais, a estes dous factores tamén se suma a práctica inadecuada da actividade física, o sedentarismo ou os desequilibrios musculares.

A investigación-acción como metodoloxía

Para cumprir cos obxectivos propostos ao inicio do estudo, Elena Lorenzo decidiu empregar a investigación-acción como metodoloxía, xa que pola súa estrutura e procedemento, permite actuar sobre a realidade e, paralelamente, desenvolver un proceso de formación da práctica docente. Deste xeito, tras establecer unha diagnose inicial sobre os problemas de costas que sofren os alumnos de secundaria, elaborouse un plan de acción que se foi adaptando ás circunstancias grazas ao seu carácter cíclico.