DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de Educación e de Traballo Social amosa así o seu rexeitamento á 'lei Wert'

Clases á intemperie para protestar contra a LOMCE

As accións continuarán ao longo da semana para apoiar a folga no Ensino Secundario

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 05/02/2013

Esta semana o estudantado de Ensino Secundario, apoiado por pais, docentes e outros colectivos, entre eles organizacións estudantís universitarias, está chamado a manifestarse para pedir a retirada do anteproxecto de Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE). Alumnado da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense súmase a estas protestas celebrando desde este martes e ata o xoves as súas clases fóra das aulas académicas. Á intemperie e sen mesas nin cadeiras protestan contra unha lei que, denuncian, supón un ataque frontal ao sistema educativo público e á súa dignidade.

Segundo explica o alumno Serxio Souto, a iniciativa está promovida por alumnado de Traballo Social e de Educación Social do campus a través do movemento Marea Laranxa, nado para reivindicar o mantemento dos servizos sociais públicos fronte a crise. “Dado que a perda de horas de clase nos prexudica notablemente pero querendo protestar ante a situación da educación e contra a inminente LOMCE, propuxémonos dar as clases fóra da facultade como un xeito diferente de chamar a atención sobre o que está a pasar”, destaca Serxio Souto. Dado a boa acollida da iniciativa entre estudantes e docentes do centro, este martes case medio cento de estudantes de segundo curso de Educación Social da materia Educación para o Lecer e o Tempo Libre, impartida pola profesora Esther Pérez, foron os primeiros en tomar apuntes e realizar as actividades de clase sentados no chan ao aire libre e soportando o frío reinante.

O mércores, un “buzón da felicidade”

As clases fóra das aulas continuarán este mércores e xoves e está previsto que, tendo en conta o contido da materia que toque impartirse en cada momento, se desenvolvan diferentes actividades de protesta. Deste xeito, os estudantes da materia Educación para a Paz, de terceiro curso de Educación Social, ten previsto instalar este mércores, ás 18.00 horas, un “buzón da felicidade” na Praza Maior e outro na Rúa do Paseo. Nesta acción convidarase aos viandantes a que deixen nas caixas de correo habilitadas un desexo a cambio dunha frase que terá por obxectivo alegrarlles o día cun sorriso.