DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de matrícula dos talleres está aberto ata o 18 de febreiro nos tres campus

Entre clases e laboratorios, obradoiros

40 cursos conforman unha oferta de lecer que vai dende a cultura ata as novas tecnoloxías

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 07/02/2011

Tocar a guitarra, aprender danzas orientais ou ata arranxar o coche son só algunhas das cousas que se poden aprender nos obradoiros que organiza a Vicerreitoría de Extensión Universitaria e que teñen aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 18 de febreiro. Os tres campus ofrecen unha ampla e variada oferta de actividades complementarias e de lecer que suman un total de 40 obradoiros que percorren todas as ramas, dende a arte e a cultura ata as novas tecnoloxías, a música, o cine, o audiovisual ou o voluntariado. Múltiples actividades que permitirán comezar o segundo cuadrimestre compatibilizando a docencia co ocio pero sen deixar de ampliar coñecementos enriquecedores no seo da Universidade.
Estes talleres están abertos a toda a cidadanía, tanto á comunidade universitaria como ao público xeral, achegando o coñecemento universitario á sociedade e á contorna e abrindo as súas portas a todos os que queiran aprender.

Ourense, variedade como clave do éxito

O campus de Ourense acollerá neste cuadrimestre 18 obradoiros nos que as propostas consolidadas doutros anos se mesturarán con novos talleres. Filemón Rivas, xestor de Actividades Culturais do campus, salienta a contuidade dos tres obradoiros da Aula de Teatro, a cargo da compañía Sarabela Teatro, cuxo “alumnado participará na Miteu a principios de abril, unha cita de referencia consolidada no sector”.

O programa propón actividades culturais moi diversas, dende aprender a facer cestos ou retocar fotografías ata observar as estrelas ou facer maxia. Entre as novidades destaca a realización por primeira vez dun obradoiro de cinema de animación, no que o creador Dick Van Der Vondel amosará o xeito de poñer en marcha, dunha maneira divertida e fácil, unha pequena curtametraxe de animación.

No deseño deste programa, salienta Rivas, fíxose fincapé en aproveitar os recursos e ferramentas dispoñibles no campus. Así, o Gabinete Psicopedagóxico achegará ao alumnado un “kit de supervivencia” para os primeiros anos na Universidade e traballará cos asistentes na prevención de accidentes de tráfico. Do mesmo xeito, diferentes profesores do campus e alumnado de últimos cursos serán os encargados de impartir moitos dos obradoiros.

Pontevedra aposta pola continuidade

Os obradoiros ofertados no campus de Pontevedra están marcados pola continuidade do primeiro cuadrimestre. Así, sete dos nove cursos ofertados xa formaron parte do programa anterior, “mantémolos porque funcionan moi ben, teñen moita acollida e sempre quedan listas de espera para edicións posteriores”, explica Ana Belén Fernández Souto, directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus. Entre os que repiten están o curso de son, o de efectos especiais para cine e televisión, de efectos especiais de maquillaxe, o de danza e teatro, arteterapia, intelixencia emocional e voluntariado e o xa clásico de djembé “que ten un grande éxito”.

Os obradoiros de Pontevedra complétanse coa introdución dun curso totalmente novo sobre recursos lúdico-didácticos para educación infantil e primaria, no que se traballarán habilidades artísticas destinadas para entreter e xogar cos máis cativos, como a globoflexia, piñata ou maquillaxe.

Vigo: teatro, música, informática... e voluntariado

A implantación do EEES tamén supón un cambio nos obradoiros, no seu horario, pero non no seu contido. Neste cuadrimestre no campus de Vigo vólvense ofertar clásicos como o de mecánica, os relacionados co software libre e Linux, ou o de modelado 3D e entornos virtuais. “Nas enquisas de avaliación están moi ben valorados, por iso continuamos con eles”, asegura Alfonso Caride, técnico de Actividades Culturais. Xunto con eles, continúa tamén o de guitarra, que ante a grande aceptación terá unha ampliación nos horarios, cunha quenda de tarde. Ademais, impartirase a segunda parte de Iniciación ao teatro, impartido por Pepa Barreiro, de Teatro de Ningures, que axudará ao alumnado na posta en escena dunha obra que se representará na Miteu.

Danzas do mundo e relaxación forman parte dun calendario que inclúe obradoiros de iniciación á fotografía é á realización de curtametraxes. Éstes últimos buscan, tamén, que os participantes “adquiran coñecementos que lles permitan participar nos concursos que se van organizar dende a Vicerreitoría”, recorda Caride. Pola súa banda, os obradoiros de voluntariado, un de carácter xeral, e outro orientado ao deporte, “salientan a aposta da Universidade” neste eido, de xeito que serán de balde para os voluntarios.

Prezos, prazos e horarios

O prezo dos obradoiros varía en función da relación coa Universidade. Así, será de 40€ para o público en xeral, 30€ para os membros da comunidade universitaria e 20€ para os bolseiros. A matrícula, que estará aberta ata o 18 de febreiro, formalizarase unha vez se realice o pago das taxas e se entregue a ficha de inscrición en Extensión Universitaria, ben en mano, ben por correo. Os cursos son validables por un crédito ECTS ou dous de libre elección.