DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha vez subsanadas as obxeccións o texto poderá ser aprobado polo Consello da Xunta

O Claustro aproba por asentimento a adaptación do proxecto de Estatutos ao informe de legalidade emitido pola Xunta

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 10/11/2009

Tralo visto e prace do Claustro na sesión celebrada o pasado mes de maio, o proxecto de Estatutos da Universidade de Vigo foi remitido para a súa aprobación á Xunta de Galicia, cuxa Asesoría Xurídica Xeral emitiu un informe no que formula unha serie de obxeccións de legalidade que cómpre subsanar antes de proceder a súa aprobación polo Consello da Xunta.
Coa finalidade de dar resposta ás observacións formuladas polo goberno autonómico a sesión extraordinaria do Claustro celebrada hoxe aprobou por asentimento o proxecto de Estatutos coas adaptacións necesarias ao informe da Asesoría Xeral da Xunta. Das obxeccións realizadas a secretaria xeral da Universidade de Vigo, Esther González Pillado destacou as consideradas como “modificacións máis importantes” feitas no texto e outras “de carácter máis formal”. Das alegacións que constan no informe da Xunta a de maior entidade, segundo apuntou González, é a relativa a non procedencia da emisión dun informe vinculante por parte do Claustro como requisito previo para a tramitación de funcións que a LOU atribúe ao Consello de Goberno . “A Asesoría da Xunta entende que a LOU deixa predeterminadas as competencias do Claustro sen ningún espazo para que os Estatutos podan engadir máis competencias, especialmente no caso no que se altere o xogo de relacións entre órganos que están configurados legalmente, refírome ao Consello de Goberno e ao Consello Social”, explicou a secretaria xeral que concretou que se trata de cuestións como a creación de facultades e escolas , implantación de novas titulacións ou aprobación de liñas xerais de política orzamentaria. A proposta realizada e finalmente aprobada polos claustrais na sesión celebrada hoxe, foi a de cambiar no texto as referencias a “informe vinculante do Claustro” por “informe preceptivo”, de xeito que nestas materias sempre terá que emitirse un informe do Claustro antes da súa aprobación polo Consello de Goberno ou do Consello Social ,salvando a legalidade do texto.

Alegacións formais

As restantes alegacións realizadas pola Asesoría Xurídica da Xunta son, segundo a secretaria xeral de carácter “máis formal” , supoñendo nun caso a inclusión no texto de mencións expresas contidas na LOU, como por exemplo a inclusión no artigo 30, no que se enumeran as funcións do Consello Social, da función específica contida no artigo 14 da LOU referida á aprobación dun plan anual de actuacións destinado a promover relacións entre a Universidade e o seu entorno. Doutra banda, as alegacións supoñen, segundo confirmou Esther González, “a eliminación do texto de mencións que non se recollen na LOU”, como ocorre no artigo 20 que ao falar da constitución de institutos mixtos de investigación, menciona que non se poderán facer en colaboración con entidades ou institucións públicas ou privadas, o que non prevé a LOU. En relación coa conveniencia de que no apartado primeiro do artigo 4 que regula a lingua na Universidade se faga unha mención á cooficialidade da lingua castelá, xunto á referencia á galega como lingua propia da institución , ao non tratarse dunha obxección de legalidade non se propuxo ningún cambio no texto inicialmente aprobado polo Claustro.