DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Froito do traballo dun gran número de persoas durante ano e medio

O Claustro aproba o primeiro Plan Estratéxico da Universidade de Vigo

A oposición rompe a unanimidade do Claustro en defensa dunha limitación das taxas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 30/04/2008

“Comprométome a respectalo e executalo, que non é pouco. É un compromiso firme que implica obrigas, prazos e obxectivos”. Este foi o compromiso adquirido polo reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, en relación co Plan Estratéxico que hoxe foi aprobado polo Claustro tras un proceso de elaboración de case ano e medio e no que participaron máis de cen membros da comunidade universitaria agrupados en comisións e no que tamén se tiveron en conta suxestións chegadas de fóra da Universidade.
“A vontade de participación xa estaba na orixe do proceso que tiña dous obxectivos fundamentais como son a consolidación do logrado ata agora e a adaptación da Universidade aos novos tempos”, sinalou José Manuel García Vázquez, Comisionado de Plans Estratéxicos, na súa exposición.
O Plan que contempla para este ano 2008 a elaboración dun total de nove plans operativos en ámbitos como a I+D+i, formación, xestión, imaxe e comunicación, igualdade ou sustentabilidade ambiental, establece unha decena de metas estratéxicas entendidas estas como “o norte que debe guiar as actuacións e as accións”, apuntou o Comisionado de Plans Estratéxicos. Unha Universidade conectada co entorno, participativa, cunha oferta formativa consolidada, comprometida coa formación integral e a transferencia de coñecemento e económica sostible, son algunhas desas metas estratéxicas para afrontar un futuro que esixe, como afirmou García “cambiar estruturas, adaptar recursos humanos e renovar métodos de traballo”.

Críticas e defensa do Plan

A tardanza na presentación e a escasa participación de algúns sectores da comunidade universitaria, centraron as críticas ao Plan trala presentación realizada polo Comisionado. O membros de Nova Universidade, José Luis Legido e Jaime Cabeza centraron as súas intervencións na denuncia da tardanza na súa presentación e na incongruencia que consideran representa respecto da xestión que desenvolve o equipo de goberno. Mentres que para José Luis Legido”este plan non vai servir para nada por que xa tiña que estar presentado ao principio do mandato do equipo de goberno”, Jaime Cabeza sinalou que “estamos ante un Plan Estratéxico que reflicte a distancia entre xestión e estratexia do equipo de goberno. Moitas das estratexias son contraditorias co que se está facendo”.
Pola súa banda os representantes do persoal centraron as súas críticas na escasa participación de colectivos como PAS ou PDI na elaboración do Plan dado que “non queremos que se tomen decisións que afecten ao persoal sen negociación”, dixo Federico Fernández. Mentres Xoan Cebro expresou as súas dúbidas sobre o cumprimento que do Plan realice o equipo de goberno, ao tempo que denunciou a “adopción dun novo modelo de xestión pública con prácticas de empresa privada”.
Fronte ás criticas recibidas o reitor, Alberto Gago, apuntou que “non se pode obrigar a ninguén a participar” nun proceso no que “eu non tomei parte, polo que non é un plan do equipo de goberno”. Finalmente o reitor da Universidade de Vigo apuntou que “escolleuse unha vía participativa que deu este resultado, que eu acepto e se vai executar”.
Na votación realizada o Plan Estratéxico recibiu 39 votos a favor, 1 en contra e 28 abstencións.

Menos conflitos que a media española

“A Universidade de Vigo presenta unha media de casos conflitivos inferior á española”. Así remataba Luis Espada a presentación ante o Claustro da Memoria 2007 do Tribunal de Garantías ante o que o pasado ano eleváronse un total de 88 consultas e intervencións, sendo a temática relacionada coa cualificación de exames e criterios de avaliacións dos mesmos, a principal fonte de consultas. Mentres, o número de expedientes abertos elevouse a 26, acadando a revisión de exames a porcentaxe máis elevada.
Á luz do traballo desenvolvido o presidente do Tribunal de Garantías formula unha serie de recomendacións como unha nova redacción do artigo 18 do Regulamento dos estudantes por resultar demasiado complexa a execución da temática relacionada coa revisión dos exames do alumnado.
Por outra banda, a raíz dos resultados que arroxa un estudo sobre a asistencia a clase dos alumnos de diferentes centros dos tres campus, o presidente do Tribunal de Garantías solicita un debate e a formulación de solucións.
Espada que recordou na súa intervención ante o Claustro que o Tribunal de Garantías da Universidade de Vigo” é un dos dous órgano colexiados dentro do sistema universitario español, optando as restantes por órganos unipersonais”, finalizou a súa exposición apuntando que a “Universidade de Vigo presenta, de momento, unha media de casos conflitivos inferior á española, tal e como se desprende das memorias recibidas doutras universidades”.

O Consello de Goberno pronunciarase sobre a suba as taxas

O rexeitamento manifestado desde o grupo de oposición Nova Universidade á posibilidade de definir un novo sistema de taxas de matrícula discriminatorio por tramos de renda, impediu que o Claustro adoptase un pronunciamento unánime ante o inicio do proceso de elaboración por parte da Xunta do decreto de prezos públicos para o vindeiro curso.
Tralo debate impulsado esta mesma semana no seo do Consello de Goberno polos representantes do CAF en relación coa suba dos prezos das taxas académicas, e ante a petición formulada pola propia Xunta á Universidade de suxestións cara á elaboración dos prezos para o vindeiro curso, o reitor Alberto Gago propuxo ao Claustro realizar un pronunciamento de apoio a un texto no que defende unha limitación da suba das taxas de matrícula para os dous cursos vindeiros sen superar en todo caso o 50% do crecemento anual do IPC oficial. O texto apunta ademais que canto antes debe definirse un novo sistema de taxas de matrícula discriminatorio por tramos de renda o que permitiría non incrementar o seu importe para as rendas máis baixas e aplicar incrementos máis que proporcionais para as rendas máis elevadas. O reforzamento do sistema de bolsas e un sistema de financiamento universitario baseado fundamentalmente nos orzamento públicos, eran outros dos puntos incluídos no texto exposto polo reitor.
Fronte a defensa que os representantes dos Comités Abertos de Facultade realizaron do documento, membros do grupo de oposición Nova Universidade expresaron o seu rexeitamento e dúbidas en relación co establecemento dun novo sistema de taxas de matrícula discriminatorio, ao considera que podería resultar prexudicial dependendo de como se aplicase.
Ante esta falta de unanimidade entre os membros do Claustro, que o portavoz dos CAF, Óscar Méndez lamentou, asegurando que as críticas da oposición eran “totalmente inxustificadas”, será o Consello de Goberno o encargado de adoptar una posición orgánica sobre a cuestión.

Outros acordos

O Claustro na sesión ordinaria celebrada hoxe elixiu á decana da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, Mercedes Súarez , para ocupar o posto vacante no Consello de Goberno no sector decanos/directores. Mercedes Suárez obtivo 55 votos, fronte aos14 que logrou o decano da Facultade de Bioloxía, Pedro Pablo Gallego.
Na sesión celebrada hoxe tamén se aprobou unha modificación no artigo 13.4 do regulamento do Claustro referido aos envíos das notificacións e documentación necesarios para o desenvolvemento da sesión. A modificación introducida fai referencia a que os membros do Claustro terán a súa disposición a documentación en formato electrónico, podendo tamén consultala na Secretaría Xeral.