DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Redactounos unha comisión integrada por 17 membros de todos os ámbitos académicos

O Claustro debate este xoves o anteproxecto dos cuartos Estatutos da Universidade de Vigo

Á adaptación legal á nova normativa súmanse outros cambios que tratan de mellorar o anterior texto

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 17/01/2018

En decembro de 2014 o Claustro decidiu pór en marcha a reforma dos actuais Estatutos para adaptalos á nova normativa legal. Unha vez posto en marcha o proceso nomeouse unha comisión, presidida polo reitor e integrada por 17membros de todos os ámbitos académicos, á que se lle encomendou a redacción dun anteproxecto. Foron algo máis de tres anos de intenso traballo e, tras un proceso de exposición pública, o novo documento xa está listo para ser defendido mañá xoves ante o Claustro nunha sesión extraordinaria na que se debaterán boa parte das 79 emendas presentadas por diversos membros e colectivos da Universidade con correccións, suxestións ou propostas de cambio nalgún dos puntos do seu articulado.

A última modificación dos estatutos levarase a cabo no ano 2010 –os primeiros son de 1993 e os segundos do 2003- e dende entón ata 2014, cando arranca o proceso de creación deste novo documento, son apenas catro anos, un período curto pero no que se produciron un gran número de cambios normativos a nivel universitario que obrigaron a unha actualización do texto: en primeiro lugar a propia Lei Galega de Universidades (do 2013), pero tamén, a Ley de Ciencia y Tecnología, do 2011, o Real Decreto del Estudiante Universitario (aprobado só uns meses despois dos actuais Estatutos de 2010), e outros dous reais decretos que establecían modificacións no sistema de Boloña.

“Un texto moi aberto que facilite a gobernanza da Universidade”

O profesor da Facultade de Dereito Roberto Bustillo, voceiro da comisión encargada da modificación dos estatutos, destaca o carácter plural deste órgano. “A comisión formámola un grupo de persoas de moi distinta procedencia, cada quen coas súas propias ideoloxías e visións da Universidade, pero xuntos tratamos de confeccionar un texto moi aberto que facilite a gobernanza da Universidade”, destaca o docente, quen mañá será o encargado de presentar aos claustrais os trazos máis destacados deste novo anteproxecto.

“Son uns Estatutos que nacen froito do consenso para tratar de permitir que, dentro deles, collan políticas universitarias de distinto tipo e que no futuro, cando haxa que cambialos, sexa polas modificacións que poida sufrir o ordenamento xurídico, pero, en principio, non porque haxa unha nova maioría universitaria de goberno, pois do que se trata é que poidan ter cabida distintas visións da Universidade e que dean suficiente marxe de manobra ao reitor, ao Claustro, ao Consello de Goberno... a adaptarse ás distintas circunstancias polas que vaia pasando a institución”, insiste o voceiro da comisión.

79 emendas

Traballando tanto en pleno como en grupos de traballo máis pequenos, a comisión púxose mans a obra na actualización dos actuais Estatutos e, o pasado mes de maio, presentaron un borrador de anteproxecto que foi sometido a exposición pública durante o mes de xuño, para que calquera integrante da comunidade universitaria puidese facer as súas achegas e mellorar así o resultado final.

Despois do verán a comisión volveuse a reunir para estudar as diferentes emendas presentadas, estimando un total de 25 emendas, propondo 14 transacionais – textos intermedios entre a redacción orixinal da comisión e a emenda presentada- e hai 19 que non se estimaron pero que a comisión estimou que pode ser oportuno que o Claustro debata e decida sobre elas. “A maior parte das emendas presentadas son correccións, suxerencias ou propostas de cambio a apartados concretos do texto e, no seu conxunto, contribuíron, a xuízo da propia comisión, á mellora do texto presentado o pasado mes de maio”, apunta Bustillo, quen recalca o feito de que “tanto o texto como o tratamento que se lle deu ás emendas foi consensuado entre todos”.

Primeiro estudaranse as distintas emendas e, unha vez terminada esta fase, o que corresponderá será levar a cabo a votación total do proxecto, precisándose para ser aprobado maioría absoluta do Claustro en primeira votación ou dous terzos dos claustrais en segunda.

O texto remitirase á Xunta e agárdase que poida entrar en vigor antes do verán

Se ben a Universidade de Vigo é a encargada de redactar o anteproxecto de Estatutos non ten competencias para aprobalos, xa que os estatutos universitarios apróbanse por decreto, polo que unha vez que teñan o visto e bo do Claustro enviaranse á Xunta de Galicia, onde se someten a un control de legalidade e, se superan este control, apróbanse por Decreto e publícanse no Diario Oficial de Galicia. A partir de aí, entrarían en vigor. “O tempo de tramitación dependerá da propia Xunta, pero é probable que preto da Semana Santa ou en todo caso antes do verán, poidan estar publicados oficialmente e en vigor, aínda que isto depende de moitas circunstancias, a primeira, que obteñan este xoves o respaldo do Claustro”, recalca Bustillo.