DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Substitúe no cargo de Defensor Universitario ao profesor, Luis Espada

O Claustro elixe ao profesor Argimiro Rojo como novo presidente do Tribunal de Garantías

Obtivo un amplo respaldo de votos e chega coa idea de exercer de “construtor de consensos”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 06/07/2011
O profesor Argimiro Rojo é dende este mércores o novo presidente do Tribunal de Garantías da Universidade de Vigo tras acadar o respaldo maioritario da comunidade universitaria nunha sesión do Claustro que se estendeu ata ven entrado o mediodía. Tras recibir unha chamada dende a Reitoría na que lle comunicaron os resultados da votación, o catedrático de Ciencia Política e da Administración e docente na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, valorou máis ca positivamente o amplo consenso acadado, “para min trátase dunha noticia excelente xa que significa que houbo un axeitado achegamento de posturas para chegar ao consenso necesario que dota da suficiente lexitimidade ao cargo”. Agora o principal reto será, segundo as súas verbas, “exercer de construtor de consensos e buscar os máximos acordos”, sinalou o novo Defensor Universitario, cabeza visible dun órgano que ten como principal obxectivo a defensa dos dereitos de todos os membros da comunidade universitaria.

Catro novos membros completan a renovación do tribunal

A incorporación de Rojo ao Tribunal de Garantías completarase ademais coa renovación doutros catro membros, que acompañarán ao catedrático vigués nesta nova andaina do órgano. En representación do sector de profesores doutores con vinculación permanente, incorporarase ao tribunal o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, José Rúas Araújo, mentres que polo resto do persoal docente e investigador a representante será Teresa Mourín, profesora asociada da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. As votacións deixaron pola contra sen representantes ao sector dos estudantes e, en representación do persoal de administración e servizos os elixidos foron Ana Belén Martínez e Guillermo de Oca Cancela.

O novo presidente chega ao cargo co respaldo tamén de Nova Universidade, pois “trátase dunha persoa coñecida que representa ben a imparcialidade e a defensa dos valores fundamentais”, tal e como subliñou no transcurso da sesión o profesor Jaime Cabeza, que lamentou que “non haxa dación de contas do presidente saínte” quen, ao seu xuízo, tiña unha “lexitimidade discreta” debido ao longo tempo que levaba exercendo o cargo en funcións.

Xunto aos novos membros do Tribunal de Garantías, os claustrais elexiron tamén os representantes en diferentes postos que había vacantes no Consello de Goberno. A partir desta data incorpóranse pois ao Consello de Goberno o novo director da Escola de Enxeñaría Industrial, Juan Mª Pou, a decana da Facultade de Química, Soledad García Fontán e o profesor Jaime Cabeza.

Pagas extraordinarias

Noutro punto da orde do día o Claustro debateu tamén a proposta de incluír na contía das pagas extraordinarias do PDI funcionario e laboral a compoñente do complemento específico polo desenvolvemento de cargo académico e a compoñente do mesmo complemento por mérito docente. Foi un debate longo no que ambas partes defenderon as súas posturas, se ben, o reitor, Salustiano Mato, lembrou as recomendacións da Asesoría Xurídica nas que se especifica que o Claustro non é competente para tomar ningunha resolución neste campo.

En nome dos propoñentes o profesor Jorge Falagan instou ao equipo de goberno a “cumprir unha promesa adquirida no seu programa electoral”, ao que o reitor respondeu que coas evidencias que había naquel intre, maio de 2010, “os riscos eran asumibles” pero, a día de hoxe, as indicacións tanto do Ministerio de Facenda como das diferentes instancias xudiciais “deixan claro que nin este reitor nin este Claustro é competente para tomar ningunha decisión e, independentemente dunha promesa electoral o que non se vai facer e cometer unha ilegalidade e, por tanto, mentres a Universidade non teña a completa seguridade legal de que estes pagos se poden facer non se farán”. Se ben o reitor engadiu que “isto non quere dicir que este equipo de goberno non estea traballando para acadar a posibilidade de que a estrutura retributiva do persoal da Universidade mellore”, avances que, desde o seu punto de vista, só se poden conseguir a través das mesas de negociación “ lugar natural para falar de todo este tipo de cuestións”.

Outros asuntos

O Claustro deu tamén o seu visto e bo á creación do Departemento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, que terá a sede na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Ademais diferentes profesores solicitaron un maior apoio administrativo e económico aos mestrados “para poder xestionalos con calidade”, salientou o docente de Bioloxía, Armando Caballero e, dende o sector de estudantes, Manuel Silveira, alumno de Enxeñaría Industrial, agradeceu a postura da universidade viguesa de mantemento das taxas universitarias e demandou a posta en marcha de novas medidas de acceso ao emprego, mellora no sistema de bibliotecas, e tamén no de bolsas.