DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras seis meses de talleres, seminarios e visitas a empresas

Clausúrase o curso Icemar de innovación, competitividade e emprendemento no mar

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
DUVI 22/06/2018

Tras seis meses de talleres, seminarios e visitas a empresas esta semana clausurouse en Vigo a primeira edición do curso Icemar de Innovación, competitividade e emprendemento no mar, unha iniciativa posta en marcha o pasado mes de xaneiro impulsado, entre outras institucións, pola Universidade de Vigo e o Campus do Mar, co obxectivo de facilitarlle ao alumnado o acceso a distintas profesións e posibilidades de negocio que se desenvolven baixo o paraguas do ecosistema marítimo/mariño.

O acto de clausura, celebrado no Museo do Mar, contou coa participación do reitor, Manuel Reigosa, e a secretaria xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez. Ademais, contouse tamén coa participación de Rosa Eguizábal, directora de Promoción Económica no Consorcio Zona Franca de Vigo; Ángeles López, directora da Oficina de I+D da Universidade de Vigo; Carmen González, directora de proxectos en Kaleido Fishing Acelerator, e Carlos Sarmiento, de UpinGalicia, que acturaron como xurado na exposición das ideas empresariais das alumnas e alumnos.

“Icemar é un convite a descubrir e deseñar, un espacio de aprendizaxe no que as e os participantes poidan identificar os seus intereses, habilidades, valores e características personais para poder explorar, activamente, aqueles obxetivos profesionais que lles permitan incorporarse ao tecido empresarial que se desenvolve en torno ao mar”, explican as organizadoras, a profesora da Área de Ecoloxía, Maruxa Álvarez, e Ángeles Pariente, fundadoras da empresa VitaminaE. “Desde a organización agradecemos a todos os profesionais, empresas e institucións que apoiaron e colaboraron o curso , pois sen a súa xenerosidade nada disto tería sido posible”, recalcou Álvarez.