DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Santiago Pozo analizou na súa tese a eficacia de diferentes métodos na limpeza de costras e pin

A clave para eliminar un graffiti dunha superficie de granito está na cor

O láser funciona mellor con azul, vermello e negro; o prateado só sae con hidroborrado e produtos qu

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 18/09/2013

O moda dos graffitis e a aparición de costras negras de distinta orixe, tanto bioxénicas como antropoxénicas, son as principais causas de deterioro do patrimonio construído con rochas graníticas. Limpar estas superficies non só é custoso, senón que require de coñecementos e coidado para causar o menor dano posible na pedra. O enxeñeiro de Minas José Santiago Pozo analizou na súa tese de doutoramento a eficacia de métodos químicos, físicos e mecánicos para a limpeza “de diferentes depósitos sobre granitos mineralóxica e textualmente distintos”, unha investigación codirixida por Teresa Rivas Brea e Ana Jesús López Díaz coa que se axuda a paliar a falta de estudos científicos relacionados con este eido.

Maior limpeza con menor dano

Durante a súa investigación, Pozo experimentou con métodos químicos aplicados de xeito directo ou con espesantes de diferente natureza, con métodos mecánicos con efectos abrasivos a baixa presión ou Hydrogommage e, por primeira vez neste campo, con láser, un sistema cada vez máis demandado por parte dos profesionais do mundo da restauración do patrimonio en busca de novas solucións. O obxectivo da tese era, ademais de conseguir eliminar os depósitos superficiais, “avaliar os efectos nocivos sobre as propiedades do granito para intentar obter o máximo grao de limpeza cos mínimos efectos nocivos sobre a pedra”.

O láser de pulso ultra corto, o máis eficaz

A eficacia dos métodos empregados para levar a cabo a limpeza depende non só da natureza das costras (biolóxica, sulfatada ou graffiti), senón tamén do principio de actuación do método de limpeza e da porosidade, tipo e distribución da fisuración das rochas graníticas, que inflúen no grao de penetración da costra superficial. As diferentes probas efectuadas deixan unha conclusión clara: tanto a costra biolóxica como os graffitis aplicados elimínanse con “eficacia moi satisfactoria” por case todos os métodos, mentres que non houbo modalidade capaz de extraer por completo o xeso que conforman as costras sulfatadas.

Unha das conclusións máis salientables é que a eliminación do graffiti depende da color que sexa, xa que fai variar “a súa natureza química e física”: azul, vermello e negro, cunha base orgánica similar e cunha elevada absorbencia á lonxitude de onda extráense de xeito bastante efectivo; os prateados só poden borrarse con Hydrogommage ou hidroborrado e algúns procedementos de limpeza química. Sen embargo, este método provoca un aumento da rugosidade nos granitos polo que só se recomenda a súa aplicación “en superficies onde non se comprometa o valor artístico da obra e onde as condicións ambientais non favorezan o asentamento de organismos vivos, como liques, fungos e algas”, subliña Pozo.

As análises feitas por este enxeñeiro tamén revelan que para a extracción de costra biolóxica nunha superficie granítica os dous láser empregados obteñen resultados similares, aínda que comportan danos distintos: o láser de duración de pulso menor ou de dominio do femtosegundo provoca unha fusión na biotita aparentemente menos intensa que a provocada polo de dominio de nanosegundo. “Este menor impacto e a súa probada eficacia na eliminación da costra biolóxica animan a emprender unha investigación máis profunda dirixida a optimizar o emprego de láser de pulso ultra corto para a súa extracción en granito”, asegura.

Importancia do salitre

Para levar a cabo a súa investigación, Pozo recolleu mostras do antigo asilo das Hermanitas de los Ancianos Desamparados, situado no centro da cidade de Vigo, cos que fixo unha análise isotópica de xofre e osíxeno para identificar a orixe do sulfato presente nas costras, o que supuxo a primeira achega na procura da razón pola que se deposita alí o xeso das costras sulfatadas. O investigador constatou unha importante contribución do sulfato de orixe mariño no proceso de formación do xofre nas costras sulfatadas en granito, o que leva a descartar como posible fonte de sulfatos o procedente das augas que ascenden por capilaridade dende os cimentos dos edificios.