DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Primeiro relatorio do ciclo de conferencias Alta Dirección Empresarial

A clave para sobrevivir no hostil ecosistema empresarial, fincar cóbados

Marcelino Otero, presidente do Club Financiero de Vigo, destacou a importancia de dispor de persoal

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 30/03/2011
Ver a Universidade como unha etapa no camiño, un lugar no que traballar, non un pasatempo. Esa é a receita para poder “sobrevivir” nunha realidade hostil na que a metade das empresas morren antes de cumprir os tres anos de vida e na que ao final só dous de cada 10 entidades conseguen manterse en pé. Cos segredos da lei do máis forte na man, Marcelino Otero, presidente do Club Financiero de Vigo, do Círculo de Empresarios de Galicia e conselleiro delegado de Netaccede, quixo dar a coñecer a súa experiencia aos futuros profesionais protagonizando a primeira conferencia do ciclo Alta Dirección Empresarial. “É o resultado tanxible do Foro de Diálogo Universidade-Empresa, un paso máis na senda de colaboración estreita que ambas veñen mantendo dende hai tempo. Trátase de achegar aos universitarios a realidade económica e empresarial da contorna e facer ver aos empresarios todas as actividades que se están a desenvolver no campus”, recordou José Manuel García Vázquez, vicerreitor de Economía e Planificación.

A importancia que ten a Universidade no futuro do tecido empresarial e a desmitificación de que é unha fábrica de parados foron os puntos de partida do relatorio de Marcelino Otero. As estatísticas amosan que España conta cun elevado índice de mozos matriculados nas universidades, algo que, segundo o empresario, dende a sociedade debería de verse como un privilexio, “xa que dende a empresa temos á universidade como unha das institucións máis importantes da sociedade, destinada a formar aos nosos técnicos, especialistas e dirixentes”. Unha relevancia á que a entidade docente responde axustando os seus plans de estudos, impartindo materias cada vez máis complexas e sendo esixentes para elevar o nivel, todo porque para ter unha empresa de éxito non chega con atinar cunha boa idea, senón que debe ser aceptada polo mercado.

O ecosistema no que ten que desenvolverse é moi hostil. “Non digo que haxa que formar marines, aínda que o risco, quitando a morte física, é moi parecido: só sobreviven os mellores”, recalca Otero. De aí a importancia de amosar ilusión e entusiasmo e pasar pola Universidade cunha mentalidade de esforzo, dedicación e traballo “cos que conseguir o mellor currículo, porque aí fóra, onde vai tanto frío, os que estean máis formados serán os que teñan máis posibilidades de sobrevivir. O mellor consello que podo dar á xuventude é que intente prepararse, que se dedique ao esencial e que esqueza o accesorio”, subliñou o empresario.

Saír de Galicia, non é un drama

Moitos foron os galegos que dende os albores do século XX fixeron as maletas e marcharon na busca de oportunidades ao outro lado do charco. Agora, xa mergullados no século XXI e coa globalización pisándonos os talóns, que os universitarios teñan que marchar fóra de Galicia para atopar un bo traballo “non pode ser un drama”. “Hai que pensar que cando volvan traerán a súa terra todo o aprendido fóra. Non podemos seguir vendo de xeito negativo encontrar un emprego no estranxeiro, porque é unha oportunidade, non un sacrificio. Verdade que alonxarse de mamá ás veces é complicado, pero co Skype está todo solucionado”, bromeou o presidente do CFV.

“Se queremos triunfar hai que ‘currar’”

Coa mentalidade de que os empregos non se dan, “conquístanse con empatía, gañas e un bo currículo”, para Marcelino Otero a formación é fundamental para poder saír a flote na piscina de competitividade extrema na que conviven as empresas en plena crise. Nunha época na que hai menos para repartir entre máis na que “aos empresarios fáltalles pouco para chegar ao canibalismo”, non é suficiente con ter un bo produto, un bo prezo e vitalidade, senón que é preciso diferenciarse permanentemente. “Iso só pode facerse a través do coñecemento e a innovación, que se consegue a través da formación e do coñecemento das persoas que forman parte delas. Está claro que se queremos triunfar hai que ‘currar’”, resaltou. Un panorama de fomento da cultura do I+D+i no que a simbiose entre universidade e empresarios é fundamental.