DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu obxectivo é facer un equipo con alumnado e persoal do campus

O Club de Natación Escualos busca novos membros entre a comunidade universitaria

Están a levar a cabo diferentes iniciativas para darse a coñecer

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
DUVI Ourense 20/06/2018

O pasado día 8 de maio o campus de Ourense acolleu a sinatura dun convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Club Natación Escualos para a promoción da práctica da natación entre a comunidade universitaria e a poboación preuniversitaria da contorna. No marco desta colaboración, o club quere fomentar a participación de alumnado, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos do campus, levando a cabo estes días diferentes accións para darse a coñecer e captar novos membros. 

“A nosa pretensión é conseguir facer un equipo universitario, pero entendendo por universitario non só de alumnado senón tamén de PDI e PAS”, comenta Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia do campus e membro do club. Ás persoas interesadas, engade a profesora, “o que lle podemos garantir é que, ademais de contribuír a poñerse en forma, vano a pasar moi ben con nós. O ambiente no grupo é estupendo”. Coa idea de facer chegar este bo ambiente aos potenciais interesados e interesadas, este martes celebraron unha competición aberta ao público. “Estamos abertos a que en calquera momento as persoas intersadas veñan a nós e nos pregunte como formar parte do club. Seguro que se proban repiten”, comenta por último Susana Reboreda, que aclara como a iniciativa está aberta á participación de membros da comunidade universitaria dos tres campus da Universidade de Vigo.