DUVI

Diario da Universidade de Vigo

68 alumnos e alumnas de Ciencias compartiron este venres con familiares e amigos o fin dos seus estu

Co título de científicos na man pero celebrándoo co corazón

Entre os egresados están as primeiras promocións de Ciencias Ambientais e Enxeñaría Agraria

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 13/06/2014

No deseño do futuro dun país, a ciencia é, ou debería ser, a súa armazón fundamental. Nas mans dos científicos está comprender o descoñecido, avanzar no entendemento do que nos rodea e aproveitar ese coñecemento para facer unha sociedade cada vez máis desenvolvida. Diso saben moito os 68 novos titulados e tituladas de grao e posgrao da Facultade de Ciencias do campus de Ourense que este venres celebraron o seu acto de fin de estudos. Co diploma que os acredita como científicos na man pero sobre todo co corazón enchido de orgullo e ilusión, os novos egresados pechan unha nova etapa da súa vida e abren outra na que lles agardan moitos retos que enfrontar.

En concreto, celebraron o remate dos seus estudos 23 alumnos e alumnas da primeira promoción do grao en Ciencias Ambientais; 15 da primeira promoción do grao en Enxeñaría Agraria; 16 da segunda promoción do grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos; tres da última promoción da Licenciatura de Física e once do Mestrado en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos. Para todos eles Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, tivo palabras de recoñecemento e ánimo. “Todos vós estades formados para enfrontarvos aos retos e demandas profesionais das vosas respectivas áreas que, por certo, non son retos individuais senón retos colectivos, retos de país. En boa medida, do voso facer, da vosa forma de entender a realidade, da vosa forma de moldeala, dependerá a supervivencia dos modos de vida desta comunidade. Unha gran responsabilidade que vos confiamos e para a que sempre a Universidade de Vigo no campus de Ourense estará disposta a acompañar e axudar, pois as portas desta casa sempre estarán abertas para vós”, díxolle aos novos egresados.

Unha formación que continuará toda a vida

A estas novas promocións, Pedro Araújo, decano da Facultade de Ciencias, destacoulles que “durante os vosos anos de estudo estivestes entre nós absorbendo os coñecemento que a Minerva do Sur de Galicia vos brinda e ao mesmo tempo aprendendo a vivir, madurando e consolidándovos como cidadáns que agora chegades a una difícil encrucillada. Se algo debedes asumir é que a graduación non significa que xa no tendes nada máis que aprender. Ao contrario, a reciclaxe, a actualización dos coñecementos, o manterse sempre ao día será a fórmula necesaria para que sexades uns bos profesionais, con espírito crítico, coa capacidade de analizar a realidade, de sopesar as opcións e de apostar polo correcto".

Entre discursos, aplausos, lembranzas e anécdotas, un a un os novos egresados recolleron ante familiares, amigos e membros da comunidade universitaria as súas bandas e diplomas nun acto no que o docente José Ramón Seara foi o encargado, en representación de todos os padriños de promoción, de desexarlle, moi emocionado, o mellor dos futuros a estes novos titulados e tituladas da Universidade de Vigo. Catro destes novos egresados recibiron ademais galardóns en recoñecemento aos seus traballos fin de estudos. Concretamente, Jorge Macridachis foi distinguido co Premio Julia Franco; Lucía Gómez co Premio Sonia García Falcón e Martín Barcia e José Manuel Pérez co Premio do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas.