DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vigo é, xunto a Granada, a universidade que máis novas mencións recibe do Ministerio de Ciencia e In

Coa concesión de dez novas distincións, a Universidade de Vigo acada as 24 Mencións de Calidade a programas de doutoramento

As dez novas mencións corresponden a programas propios

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 29/10/2008

A Universidade de Vigo alcanza neste curso 2008-2009 as 24 Mencións de Calidade a programas de doutoramento, despois que o Ministerio de Ciencia e Innovación concedese dez novas mencións que se suman ás que xa lles foran outorgadas a 14 programas e que veñen de ser renovadas para este curso. Cómpre destacar, ademais, que as dez novas Mencións de Calidade concedidas sitúan á Universidade de Vigo, xunto á de Granada, á cabeza das institucións españolas en número de novas mencións outorgadas polo Ministerio, aínda que se ben no caso de Vigo todas as mencións corresponden a programas propios, no caso da universidade andaluza mestúranse programas propios e interuniversitarios.
“Creo que é un éxito enorme por que non é fácil acadar un incremento tan importante en tan pouco tempo”, sinala o reitor, Alberto Gago, que engade que “ademais desta valoración cuantitativa hai outra cualitativa, se cabe, máis importante por que estamos a falar dun factor de calidade crucial no para avaliar a calidade nas universidades”.
Bioloxía dos organismos e ecosistemas; Ciencia e tecnoloxía agroalimentaria; Enxeñaría química; Enxeñaría telemática; Metodoloxía y aplicacións en ciencias da vida ; Química analítica aplicada ao medio ambiente, alimentos e saúde; Sociedade, poder e Cultura na Historia; Tecnoloxías avanzadas para o desenvolvemento de software intelixente; Teoría do sinal e comunicacións e Tradución e paratradución, son os dez programas propios da Universidade de Vigo aos que lle foi concedida a Mención de Calidade, un feito que a vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, Carmen García Mateo considera “un recoñecemento da valía dos nosos investigadores no eido da formación e de que a reforma do doutoramento vai polo bo camiño”. A vicerreitora asegura que foi un gran esforzo , “pois os prazos son moi curtos e non sería posible sen o traballo desenvolvido, por unha parte desde a dirección da Área de Posgrao pola súa directora Elena Alonso, e por outra pola implicación tan grande que tiveron os coordinadores dos programas de doutoramento aos que quero felicitar, así como a todos os profesores participantes”. Unha opinión compartida polo reitor, Alberto Gago que afirma que “a forza dos nosos investigadores estaba aí e só falta dar o paso, incentivalos para que concorresen á mención de calidade”.

Todos os programas que a tiñan, renovaron a Mención de Calidade

Tan importante como a concesión das dez novas Mencións de Calidade é a renovación das que xa dispoñían un total de 14 programas entre os que hai dous propios da Universidade de Vigo, tres interuniversitarios coordenados pola propia universidade e nove interuniversitarios coordenados por outras institucións.“É moi importante ademais de incrementar o número de mencións, manter as que tiñamos que son sometidas a un control rigoroso para lograr esa renovación”, sinala Alberto Gago.
Así, Agrobioloxía, usos sostibles e implicacións ambientais e Tecnoloxía Ambiental, son os dous programas propios da Universidade de Vigo que renovan a mención, ao igual que Lingua e sociedade da información: a lingüística e as súas aplicacións; Enxeñaría electromagnética: fundamentos e aplicacións e Física Aplicada que son programas interuniversitarios coordenados pola Universidade de Vigo. Completan o listado de programas que renovan mención, nove interuniversitarios coordenados por outras universidades: Química teórica e computacional; Endocrinoloxía; Ciencia e tecnoloxías dos coloides; Ciencia e tecnoloxía química; Neurociencia; Estatística e investigación operativa; Métodos matemáticos e simulación numérica en enxeñaría e ciencias aplicadas; Electroquímica. Ciencia e tecnoloxía e Lingüística galega.

Máis teses e máis áreas con mención de calidade

Confirmadas as 24 Mencións de Calidade, lonxe de caer na autocomplacencia tanto o reitor como a vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, teñen claro cales son os próximos obxectivos a cumprir. Alberto Gago asegura que hai que ser ambiciosos polo que “non nos conformamos con obter mencións en áreas nas que a Universidade de Vigo é un referente, polo que aspiramos a ter propostas de calidade en Economía, Dereito, Belas Artes, Ciencias da Educación”, ao que Carmen García Mateo engade que “o ámbito xurídico social estano intentando e espero que sexa na próxima convocatoria onde xa empece a dar os seus froitos o esforzo por refundir e refundar os programas existentes tendo moi en conta os criterios da convocatoria”.
Sen embargo as aspiracións dos responsables da institución non se refiren unicamente ao incremento no número de mencións, se non tamén das teses de doutoramento, “agora o principal reto son as teses de doutoramento, por que ademais de que se produzan matriculacións nestes programas que teñen Mención de Calidade, non chega con quedar no DEA, se non que cómpre que se presenten máis teses”, sinala Alberto Gago.
Pola súa banda, Carmen García Mateo, sinala como un obxectivo prioritario o incremento no número de estudantes nos programas de doutoramento, así como “o incremento dos nosos indicadores de mobilidade de profesores e estudantes, sobre todo no eido internacional, fomentando a participación de expertos investigadores de renome internacional e incentivar a realizacións de estancias de investigación dos estudantes en fase de realización de teses en laboratorios externos á Universidade de Vigo”.

Recoñecemento á solvencia do programa de doutoramento

A Mención de Calidade é un recoñecemento á solvencia científico-técnica e formadora do programa de doutoramento no seu conxunto e dos grupos ou departamentos que desenvolven a formación de doutoramento. Para a concesión das mencións os programas presentados polas universidades son sometidos a un proceso de avaliación, con dous procedementos distintos: un para a concesión da mención e outro para sucesivas renovacións, cun período de validez de catro cursos académicos.