DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Rodrigo Pintos gaña cun bolso inspirado no artista británico un concurso para Purificación García

Coa estética de Hockney pendurada do brazo

16 estudantes de Esdemga participaron no certame

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 23/09/2011
Haberá que agardar ata o 24 de novembro, data de celebración do Debut 2011, para ver a proposta coa que o alumno de 1º curso de Esdemga Rodrigo Pintos gañou o concurso de ideas para deseñar un bolso para a firma Purificación García. O deseño de este pontevedrés de 25 anos que cursou en Barcelona estudos de deseño gráfico, impúxose aos dos 15 compañeiros e compañeiras que xunto a el participaron no concurso que ten como obxectivo que o estudantado coñeza o proceso de produción e comercialización dun accesorio. “O equilibrio entre os deseños propios de Purificación García e algo novo, penso que foi o que se lles gustou”, sinala Rodrigo Pintos.

O proceso creativo comezou coa descarga da web de Purificación García das imaxes de todos os seus bolsos e a constatación da existencia dunha mesma gama cromática. Manter esa liña e ao tempo rompela foi o punto de partida do traballo de Rodrigo no que se manifesta a influencia do artista inglés David Hockney e en especial da súa obra The bigger splash de 1967, aínda que cunha achega gráfica propia “con aves exóticas como flamencos e un espírito elegante e divertido”, explica o deseñador.

O proxecto que nace da proposta que a firma Purificación García realizou a Esdemga en marzo de 2011 permitiulles aos participantes coñecer o sector téxtil e achegarse á canle comercial. As producións gráficas, o rendemento académico nas áreas relacionadas co proxecto e a evolución e madurez nas propostas presentadas foron os criterios utilizados na selección do alumnado que participou no concurso de ideas.

Deseñador gráfico moi interesado pola moda

Rodrigo Pintos non agocha a satisfacción que lle produce este premio así como reto que para el supuxo o deseño dun bolso. “Aínda que estou máis centrado no deseño masculino, os accesorios como bolsos ou zapatos sempre os teño moi presentes”, sinala Rodrigo que non se recoñece como un seguidor das marcas senón que  "son máis de ver a roupa ou a moda pola rúa ou nas revistas”.
O deseñador non aforra eloxios para a escola na que actualmente cursa os seus estudos de moda. “Estou moi contento en Esdemga. Combínase perfectamente unha parte conceptual con outra máis comercial”, explica Pintos que asegura que aínda que os seu primeiros estudos foron de deseño gráfico, “a moda e a patronaxe sempre me interesaron”.

Rodrigo Pintos recibirá un premio en metálico en función das vendas que o seu bolso acade nas tendas de Purificación García na tempada Primavera-Verán 2012.