DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Gabinete Psicopedagóxico do campus organiza un curso de formación sobre esta materia

Coaching para mellorar como persoa ou para atopar unha profesión

A iniciativa desenvolverase do 14 de febreiro ao 1 de marzo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 29/01/2013

O coaching é unha palabra e un concepto cada vez máis presente na sociedade actual. Refírese ao método de dirixir, instruír e adestrar a unha persoa ou grupo co obxectivo de acadar unha meta ou desenvolver habilidades específicas. Para dar a coñecer as súas características e as posibilidades que ofrece ao alumnado universitario, o Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense organizará do 14 de febreiro ao 1 de marzo un curso de introdución a esta materia.

“Os participantes coñecerán de primeira man, a través dunha metodoloxía participativa e dinámica, as enormes posibilidades do coaching como ferramenta ao servizo do desenvolvemento persoal e profesional, pois trátase dunha profesión emerxente”, explica Isabel Ferreiro, persoa encargada de impartir este curso xunto a Conchi Cochón. As dúas psicopedagogas, responsables do gabinete ourensán, contan no seu currículo con formación internacional específica e están certificadas por AECOES como coachs.

Con 30 horas de duración, “a iniciativa, de balde, está dirixida a todos os universitarios ourensáns interesados en potenciar e aproveitar o coaching para consolidar procesos de mellora en persoas e/ou organizacións. Afondaremos na esencia do coaching, dende a perspectiva de pensar, sentir e actuar, e reflexionaremos sobre as limitacións e como elas son unha oportunidade para medrar”, engade Conchi Cochón.

Da teoría á práctica

Concretamente o curso terá lugar os días 14, 21, 22, 27 e 28 de febreiro e o 1 de marzo de 2013 no Edificio de Ferro do campus de Ourense. Durante os días de celebración, os participantes coñecerán as bases metodolóxicas do coaching, a súa aplicación na práctica profesional, as súas ferramentas internas e externas, o perfil do coach e o marketing propio desta área. Alén da formación teórica, os asistentes participarán en sesións prácticas e realizarán diferentes exercicios relativos á comunicación e ás relacións interpersoais, á toma de conciencia, á motivación e ao cambio.

“Este curso é unha excelente oportunidade para adentarse no mundo do coaching, ben como unha opción profesional emerxente ben como unha axuda para mellorar a vida diaria, tanto no ámbito académico como nos demais aspectos dela. Os universitarios, ademais de pór en práctica a metodoloxía coach no seu caso particular tamén poden empregala coa súa contorna”, apunta por último Isabel Ferreiro.