DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A spin-off da Universidade QCoach promove o Fórum Cicerón que se celebrará en abril na illa de San S

O coaching, ou como superarse a si mesmo

Neste evento formarase aos 32 universitarios máis talentosos de Galicia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 10/03/2011

O coaching é unha técnica innovadora que nace da relación entre o mundo empresarial e o deportivo que se está a facer un oco no proceso de formación da alta dirección. Este anglicismo, aínda sen unha tradución exacta, ten como finalidade o desenvolvemento de habilidades relacionais do individuo tanto a nivel profesional como persoal coa axuda dun facilitador ou coach. Esa é a responsabilidade que o experto na materia, Joaquín Dosil, profesor na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, vai asumir no Fórum Cicerón o vindeiro 6, 7 e 8 de abril na illa de San Simón, un evento no que formará aos 32 alumnos e alumnas máis talentosos de Galicia a través da técnica do debate. “O coaching permite que as persoas vaian descubrindo por si mesma as fases que debe superar, mellorando nun aspecto determinado”, explica o docente.

Na actualidade, o eido empresarial é o que máis se preocupa por potenciar as habilidades de coaching entre o seu persoal. “Aínda que esta técnica traballa diferentes áreas, a máis demandada é a da alta dirección”, comenta Dosil. Desde QCoach, unha spin off da Universidade de Vigo da que Joaquín Dosil é fundador xunto con Daniel Álvarez, dáselle resposta ás principais demandas en formación das empresas da comunidade que, ante a crise económica, están a apostar polo factor humano. “Non poden contratar a máis persoal polo que lle teñen que sacar o máximo rendemento ao que xa teñen”, aclara.

QCoach, “que leva funcionando tres anos e se está a converter na empresa máis importante en Galicia do ámbito do coaching”, oferta tres vías de formación segundo as necesidades do cliente. Desenvolven plans de formación para o persoal que ocupa altos cargos na dirección dunha compañía, onde se potencian cuestións como a comunicación intergrupal, xestión de conflitos e liderado. Outra das especialidades que ofrece son os cursos de coaching personalizado a altos directivos “que quere mellorar persoalmente”, ademais de outras ofertas innovadoras como o outdoor training, “que se basea en levar fóra das empresas ao persoal, no que se aproveita un ambiente diferente, para potenciar habilidades directivas e de comunicación”.

Participación no Fórum Cicerón

Desde QCoach promóvese o Fórum Cicerón, unha iniciativa á que se uniron as tres universidades galegas e que lles ofrece aos 32 universitarios máis brillantes da comunidade a posibilidade de participar nunha competición de debate á que asistirán dez empresas, do renome de Repsol YPF, Blusens ou Banco Pastor, co obxectivo de contratalos. “Foi unha idea que xurdiu da necesidade de facer algo en Galicia para que os nosos talentos non se desaproveiten e que teñan a oportunidade de que empresas se fixen neles”. Potenciaranse habilidades de oratoria e liderado, imaxe, xestión de equipos ou traballo en grupo “para comunicar mellor e poder sacar máximo proveito das reunións e exposicións de traballo”, aclara.

Labor do coach

A nivel profesional, Joaquín Dosil centra o seu labor e esforzos no ámbito do deporte, “conseguindo que un deportista que quedou cuarto chegue a ser o primeiro”. Para iso o coach traballa distintas áreas, tanto as do mundo profesional como aquelas máis relacionadas coa vida persoal, e o adestrador debe adaptarse á persoa que ten enfronte para analizar a fondo cal é a súa personalidade. “O coach debe ser un grande observador, debe ser quen de extraer un perfil de actuación a través dos seus comportamentos”, comenta Dosil. A partir desa avaliación inicial, trabállase para lograr a mellora da persoa o antes posible, pois “o coaching ten a premisa de que cada persoa, dentro do seu estilo, sempre pode mellorar”.

Aínda que o termo do coaching sempre se asocia ao mundo dos negocios e da alta dirección, Dosil explica que “estes cursos son convenientes para todas as profesións”. Deste xeito defenden a posibilidade de que todas as titulacións universitarias inclúan no seu plan de estudos algunha materia relacionada coa técnica do coaching, aínda que xa hai mestrados que se preocupan por potenciar habilidades relacionais.