DUVI

Diario da Universidade de Vigo

70 expertas e expertos participaron durante catro anos nesta rede de coñecemento

A coalición paneuropea sobre feminicidio reivindica un observatorio de violencia de xénero na UE

Entre o persoal investigador desta Acción Cost estivo a docente María Lameiras

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 20/03/2017

Despois de catro anos de traballo, a Acción Cost sobre Feminicidio en Europa chegou a pasada semana ao seu remate. As arredor de 70 expertas e expertos de 29 países que participaron nesta iniciativa, e entre as que se atopaba María Lameiras, responsable do Grupo de Investigación en Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo, participaron nun encontro celebrado en Malta no que se presentaron as conclusións do proxecto. A súa principal reivindicación centrouse en solicitar a creación dun observatorio europeo de violencia de xénero.

Avance na investigación

A Cost Action Femicide Across Europe, financiada no Programa Marco da UE Horizonte 2020 e coordinada por Shalva Weil, xurdiu hai catro anos ante a constancia de que o feminicidio “é unha causa principal de morte prematura para as mulleres en todo o mundo, distinto do homicidio e doutras formas de violencia de xénero”. A pesar desta relevancia, en Europa, indícase desde a iniciativa, financiábanse ata entón iniciativas sobre xénero e violencia pero non especificamente sobre feminicidio, estando a investigación neste eido nunha fase inicial e non coordinada e sendo preciso apostar por “un enfoque interdisciplinario”.

A acción estableceu a primeira coalición paneuropea sobre femicidio con persoal investigador que xa estudaba o fenómeno nos seus respectivos países co fin de avanzar na investigación neste eido, acordar definicións, mellorar a eficacia das políticas de prevención de femicidios e publicar directrices para o uso de políticas estatais. Os froitos do traballo realizado ao longo destes catro anos de actividade téñense materializado, ademais de na creación desta rede, en publicacións, artigos e na celebración de catro talleres e unha conferencia cada ano.

O reto de visibilizar

“A principal conclusión da acción foi, por unha banda, solicitar a creación do observatorio europeo de violencia de xénero, e por outra, que desde xa todos os países incorporen nas súas estatísticas de homicidios os datos desagregados por xénero para que se poidan visibilizar os casos de feminicidios, aplicando os acordos recollidos na Convención de Istambul de 2011 sobre violencia contra as mulleres e que foi ratificada polos estados europeos”, explicou María Lameiras ao seu regreso da reunión celebrada en Malta, cita que estivo coordinada pola docente da Universidade de Malta Marceline Naudi. Na xornada de clausura, apunta Lameiras, a presidenta de Malta, Marie-Louise Coleiro, recibiu e aceptou solicitar, na súa calidade este semestre de presidenta xunto a Eslovaquia e Países Baixos do Consello da Unión Europea, a remisión a todos os países dunha carta solicitando o seu apoio á creación deste observatorio de violencia de xénero en Europa. Precisamente para falar do Observatorio sobre Violencia de Xénero do Consejo General del Poder Judicial de España e dos datos por el recollidos, participaron nesta última reunión da acción o presidente deste órgano, Fernando Grande Marlaska, e Ángeles Carmona, presidenta do observatorio estatal.