DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o indicaron as participantes da última sesión das xornadas de igualdade

A cobertura informativa dos casos de violencia de xénero crea clixés afastados da problemática real

A mesa redonda estivo centrada no tratamento da violencia nos medios

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
E.L. Castro DUVI 02/12/2009

Unha de cada dez mulleres sofre violencia de xénero e o 99% da xente ten información acerca desta problemática a través dos medios de comunicación, principalmente a televisión. Resulta paradoxal que siga aumentando a violencia contra as mulleres cando o volume de información e de denuncia é cada vez maior. Quizais non se estea manexando a información na mellor dirección. Isto é o que trataron de analizar Amada Traba, profesora de Socioloxía; Anna Amorós, profesora de Comunicación Audiovisual e Publicidade, e Mariana Carballal, actriz e profesora de Dirección Escénica e Interpretación, no terceiro día das xornadas A igualdade na universidadade: amosar e previr o acoso e a violencia, que recalaron no campus de Pontevedra para a súa clausura.
Nunha mesa redonda titulada Tratamento da violencia nos medios de comunicación as tres profesoras coincidiron na idea de que a cobertura informativa que se está facendo dos casos de violencia de xénero contribúe á creación de clixés e estereotipos, como os do crime pasional ou o alcolismo, afastados da problemática real. “Faise unha información descontextualizada e sensacionalista, que só entra nas páxinas de sucesos”, sinalou Amada Traba, que lamentou tamén a ausencia de información elaborada dende o compromiso e o respecto dos dereitos humanos. Pola súa parte, Anna Amorós indicou que a violencia de xénero só é portada cando coincide con días conmemorativos e falou da necesidade da especialización de xornalistas nesta área.
Pola súa parte, Mariana Carballal analizou a translación de roles femininos que fan as series de televisión. “Nas series só hai tres tipos de mulleres”, afirmou, “as que triunfan no ámbito laboral, que se definen como ambiciosas e sen escrúpulos, as que o fan no persoal e como nais de familia e as que teñen éxito nas relacións sexuais”. Segundo a actriz na ficción televisiva as mulleres están ocultas nos espazos de prestixio e relegadas aos espazos domésticos e sentimentais. Fixo tamén alusión á frivolidade das series xuvenís, dirixidas a adolescentes que aínda están construíndo a súa identidade.

"A violencia subliminal crea tolerancia e narcotiza"

A violencia de xénero non se resume na súa expresión máis dramática, esa que reflicten os medios e que acumula anualmente unha cifra desmesurada de mulleres asasinadas por homes, senón que ten moitos matices e unha gama de manifestacións infinita, tanto no ámbito privado coma público. Isto foi o que quixo salientar a profesora Amanda Traba na presentación marco coa que se iniciou a última sesión das xornadas.
Desde a recriminación dun home pola roupa que leva a súa moza, ata as desigualdades salariais e o reparto do tempo entre a vida laboral, as tarefas domésticas e o ocio reflicten actitudes e comportamentos violentos. É o que o estudoso Pierre Bourdieu definiu como violencia simbólica ou invisible, aquela que conduce a submisións que non se perciben como tales. Son esas agresións subliminais e ocultas, as que se reflicten na linguaxe publicitaria, na arte, nos currículos educativos, nos dicursos xurídicos, relixiosos e mesmo médicos, as que preparan o terreo cara a violencia máis manifesta.
O xerme desta problemática radica na asunción de xeito inconsciente da conceptualización xeral dos roles da muller e do home, unha construída desde a perspectiva da submisión, a obediencia, a culpabilidade e a esfera privada e outro desde a perspectiva do poder e o espazo público. Neste sentido, a profesora Traba sinalou que “a violencia de xénero non responde máis que á pertenza a unha categoría construída en desigualdade, na que uns están claramente nunha situación de superioridade”. Traba quixo recalcar que o cerne da violencia machista é estrutural e por iso se manifesta en calquera ámbito. “É o sistema no seu conxunto o que non coida ás mulleres e non lle permite acceder aos recursos”, denunciou e engadiu que a socialización de xénero actúa xa antes do nacemento, “inmiscíndonos no mundo rosa ou azul”. Neste sentido sinalou que a violencia explícita é máis fácil de tratar pola condena xeneralizada, mentres que a subliminal “crea tolerancia e narcotiza”.

Prevención da violencia nas relacións de parella

A translación desa desigualdade e violencia sutil e invisible ao ámbito máis íntimo, o das relacións de parella foi o tema central do taller que clausurou as xornadas, impartido por Mercedes Oliveira, doutora en Filosofía e catedrática en ensino secundario. A través dunha serie de actividades, Oliveira quixo amosar como sen decatarse as parellas van caendo en relacións de opresión, nas que a muller vai perdendo terreo case sen decatarse. A clave para evitar moitas situacións de maltrato pasaría na súa opinión por percibir a tempo esa situación por ambas partes, porque na maioría dos casos é invisible para quen o exerce e para quen o padece.