DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Paloma del Río, a coñecida voz das transmisións de ximnasia e patinaxe de TVE, abriu a programación

A cobertura dos Xogos Olímpicos e as estratexias de esponsorización centran os primeiros relatorios das Xornadas da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 27/10/2008

Cun paseo pola trastenda dos Xogos Olímpicos e un debate sobre a esponsorización no deporte botou a andar este luns a segunda edición das Xornadas da Comunicación. Paloma del Río, a voz que todos temos asociada ás retransmisións de ximnasia e patinaxe de Televisión Española, Marian Mouriño en representación do Celta, Jorge Santos de Caixanova e Germán Arteta de Umbro, foron os encargados de achegar as primeiras aportacións e experiencias sobre a relación entre a comunicación e o deporte, nunhas xornadas que se prolongarán ata este martes.
A inauguración das xornadas correu a cargo do vicerreitor do campus, Jesús Hernández, quen expresou o seu desexo de que as conferencias deran “pistas e orientasen aos alumnos acerca dunha posible saída profesional”. Xunto a el, a directora das xornadas, Ana Belén Fernández Souto, expresou na súa intención o desexo de que os relatorios “fosen interesantes para os alumnos de varias titulacións do campus”. Fernández Souto sinalou que o obxectivo na programación era ter “profesionais de primeiro nivel” e iso ”implica máis dificultades” e con esa explicación desculpou a ausencia de Rosa Mª Calaf, que non puido viaxar ata Pontevedra pero enviou un “cariñoso saúdo” gravado en vídeo desde o Estadio Nacional de Pequín. A correspondente de Televisión Española lamentou perder “a oportunidade de tratar un tema tan importante que, se está ben feito, resulta moi útil para a sociedade”.

A magnitude da cobertura dos Xogos Olímpicos

No seu lugar, a xornalista Paloma del Río, que leva máis de 22 anos en TVE, detallou a súa experiencia na cobertura de grandes acontecementos deportivos, prestando especial atención ao último, os Xogos Olímpicos de Pequín. Del Río, con dez xogos olímpicos ás súas costas, confirmou o éxito de audiencia e de organización da cita chinesa que “multiplicou por cinco a audiencia de deportes minoritarios coma a ximnasia” e ofreceu datos para ilustrar a dimensión deste tipo de eventos como as 17.000 cintas que a televisión usou na súa cobertura ou os tres anos que requeriron para planificala. A xornalista fixo fincapé na evolución que sufriron estes acontecementos co avance das novas tecnoloxías e apuntou que “hoxe Internet pon todo ao alcance da man e o noventa por cento da información chega soa ás redaccións”. Del Río tamén aproveitou para defender os deportes minoritario fronte ao fútbol, ou os deportes de motor que están “desvestidos de superación e do control do corpo que inspira o deporte” e achegar a súa opinión sobre a candidatura de Madrid 2016, que considera que está “moi ben pensada” e que só lle falta “a parte política” para acadar o seu obxectivo.

Diferentes persectivas sobre a esponsorización de eventos deportivos

A mesa redonda coa que continuou a programación das xornadas achegou diferentes perspectivas sobre a esponsorización de eventos deportivos. Jorge Santos, Marian Mouriño e Germán Arteta, resposables de márketing de Caixanova, Celta de Vigo e Umbro, respectivamente, achegaron as súas experiencias profesionais. Santos apuntou que as estratexias de patrocinio “requiren moitos anos para que sexa visible o retorno, pero cando chega, é moi profundo” e rompeu unha lanza a favor da relación entre o deporte de elite e o deporte de base, que deben retroalimentarse. Pola súa banda, Marian Mouriño defendeu a idea de que “a comunicación e a publicidade viven de sensacións” e de que “o deporte está tendo cada vez máis impactos na vida privada” ao tempo que sinalou a vantaxe “dos clubes de fútbol para facerse un oco en Internet”, un espazo “que cada vez vai ter máis importancia”. Como conseguir que unha marca estea presente nos medios, máis aló da compra de espazo publicitario, foi o fío condutor do relatorio de Germán Arteta. O responsable de márketing de Umbro recordou o valor “dun equipo ou dun xogador como medio de comunicación en si mesmo”.

Cambios na programación

A dirección das Xornadas da Comunicación viuse na obriga de reformular a programación das conferencias, que sufren algúns cambios. A sesión da tarde continúa, tal e como estaba previsto, co relatorio do director creativo da axencia Sra. Rushmore Paco Conde e pechará o día coa intervención da profesora da Universidade Cardenal-Herrera-Ceu, Sandra Femenía. O martes, o director de marketing de Unipublic, empresa que organiza a Vuelta Ciclista a España será o encargado de abrir o programa, a quen lle seguirá Charo Ramos, de Ephimera Biblioteca Nacional. O relatorio sobre o circuíto urbano de Valencia de F-1, previsto para o luns, celebrarase o martes á mesma hora, ás 12.15 h, e correrá a cargo de Carlos Moreno-Figueroa de Valmor Sports. As xornadas rematarán pola tarde cos representantes da organización da Rolex Fei World Cup Jumping e da candidatura de Madrid 2016.