DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cociña esconde maxia no xantar da Cidade Universitaria

O restaurante ficticio do artista Miguelillo serviu trucos e manxares con imaxinación

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 14/04/2010

Como suxire o nome do seu restaurante ficticio, Magial’Dente, a proposta de teatro de rúa de Miguelillo uniu cociña e trucos de ilusionismo para amenizar o xantar da comunidade universitaria no Centro Comercial do campus. A súa actuación, enmarcada dentro da programación cultural do segundo cuadrimestre da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, vertébrase arredor dunha clase de cociña moi especial, na que os alimentos preparados agochan sorpresas, trucos e imaxinación. Como chef, o artista prepara e ofrece aos seus comensais un menú a elixir entre corda á pementa, moedas estofadas, revolto de ases, especialidades da casa, salteado de naipes ou trevos á prancha.
Miguel Romero, a persoa que se atopa detrás de Miguelillo, conta xa cunha ampla experiencia no teatro de rúa e as animacións e ten traballado en festivais como o Arts de Carrer en Barcelona, a Expo Joven en Valladolid ou o Planet Night de Valencia así como eventos internacionais como a Muestra Internacional de Teatro de Calle Santa Cruz de la Sierra en Bolivia, o Festival Internacional de Teatro de Calle, München en Alemaña, o Festival Internacional de Teatro de Calle en La Habana ou o Festival Internacional de Teatro de Calle, L'Aurillac en Francia. Ademais de espectáculos de rúa, a súa compañía ofrece workshops máxicos, actuacións en convencións de empresa, cursos de maxia para empresarios, “considerando sempre a maxia de empresa como unha parte esencial do noso traballo”.
Ademais, a hora do xantar tamén contou con outra sorpresa, xa que a empresa Gadis, dentro da súa campaña de promoción Vivamos como galegos entre a comunidade educativa galega, repartiu gratuitamente tortillas de patacas entre o estudantado, un acto que se está a repetir nestes días polos sete campus das universidades do SUG.

E mañá Sonora Primavera

Dentro tamén da programación cultural do segundo cuadrimestre, mañá xoves o Teatro Vidal Bolaño acollerá a versión primaveral do Ciclo Sonora10 no que se darán cita os suecos The Legends con Alasdair Robert como teloneiro. A banda nórdica é dos expoñentes máis vangardistas da música internacional con nove membros, militantes dalgunhas das bandas máis importantes do seu país, que se reúnen en The Legends para “experimentar e crear”.