DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un cóctel de utopía e nihilismo enche de teatro o Vidal Bolaño

A obra gañadora do Premio Rafael Dieste, "0,7% Molotov", trouxo de novo o teatro ao campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 16/03/2011
O teatro regresou ao Vidal Bolaño da man dunha das grandes compañías galegas, Teatro de Ningures, que trouxo ata o campus a súa nova produción, 0,7% Molotov, gañadora do XIV Premio de Teatro Rafael Dieste, un dos máis recoñecidos de Galicia. Salvador Del Río e Rocío González, protagonizan unha obra escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, na que a loita escénica entre a utopía e o nihilismo o copa todo.

Acompañados polos bailaríns Armando Martén e Ana Beatriz Pérez, que simbolizaron as súas propias voces interiores, a peza narrou o encontro dun home de cidade, case cincuentón, que regresa á súa aldea a facer viño, unha tarefa para a que contrata os servizos dunha rapaza solidaria que vén de estar traballando nun proxecto en África. O mundo emocional e ideolóxico de ambos choca e xorden as contradicións dun Occidente hipócrita cos países en vías de desenvolvemento.

O seguinte: Rosalía 21

A programación cultural continuará a vindeira semana co espectáculo audiovisual Rosalía 21, unha obra de Abe Rábade, Guadi Galego e Anxo Angueira que forma parte dun proxecto máis amplo que conta cun disco e un libro que recolle diferentes artigos sobre Rosalía de Castro. Será o mércores 23 ás 18.30 horas, de novo no Vidal Bolaño da Cidade Universitaria.