DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Código Técnico de Edificación sae á rúa con importantes achegas do grupo Sonitum

Os investigadores da Universidade desenvolveron ferramentas de cálculo para a insonorización das edi

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 14/05/2009

De aplicación obrigatoria dende o pasado 24 de abril, a actualización do Código Técnico de Edificación vai supoñer un aumento das esixencias de illamento acústico dos fogares. O novo Documento Básico de Protección fronte ao Ruído supón a entrada en vigor plena do CTE, despois do aprazamento da normativa, prevista para maio do ano pasado.
Esta nova lexislación implica cambios normativos no que se refire ao illamento das vivendas, tanto dos inmobles colindantes como do exterior, para o que o Ministerio de Vivenda pon a disposición pública unha serie de ferramentas de cálculo destinadas a deseñar e edificar construcións que cumpran a nova normativa, que xa está en aplicación en moitos países europeos. O grupo de investigación Sonitum colaborou estreitamente neste tempo co Instituto de Ciencias da Construción na elaboración primeiro do Método Xeral de Cálculo e, durante a demora dun ano na aplicación da lei, “dando soporte de cálculo ao que se chama opción simplificada”, explica o investigador e coordinador do grupo, Manuel Sobreira.
A participación de Sonitum no desenvolvemento destas ferramentas en colaboración co Instituto de Ciencias da Construción e co Ministerio de Vivenda sitúano á vangarda nacional neste tipo de traballos, sendo unha referencia para moitos organismos e universidades, que agora traballan sobre estes documentos estudando os seus resultados.

A actualización da ferramenta de cálculo

Coincidindo co comezo da crise da construción, a entrada en vigor do CTE sufriu unha demora dun ano, atendendo ás demandas de varios sectores que estimaron que non se estaba suficientemente preparado para a súa implantación. Dende o 24 de abril é de cumprimento obrigatorio para todas as edificacións novas. Segundo explica Sobreira, “para edificar agora mesmo e determinar e comprobar que unha solución construtiva cumpre os requisitos do CTE hai dúas opcións: a opción xeral de cálculo e a opción simplificada”.
No que se refire ao primeiro método, en maio de 2008 o grupo de investigación Sonitum xa tiña preparada a ferramenta de cálculo que dá soporte ao documento básico de protección fronte ao ruído do CTE. “Trátase dunha ferramenta en Excel moi explícita que pode ser moi útil para comprender a natureza do CTE e incorpora, ademais, todo o catálogo oficial de solucións construtivas” segundo explica Sobreira. A partir destas solucións, “combinándoas, constrúese a solución construtiva global e determina o illamento e o cumprimento ou non do código”. Partindo da información sobre materiais e técnicas de construción do edificio, trátase de determinar o illamento dos seus elementos para saber se estes cumpren os requisitos do CTE en materia de ruído. A ferramenta é oficial e accesible para calquera dende páxina web do Código Técnico de Edificación.
No transcurso deste ano de demora, os investigadores de Sonitum seguiron traballando na revisión, ampliación e mellora das follas de cálculo, “centrándonos sobre todo nas actualizacións que fai o Instituto de Ciencias da Construción periodicamente dos novos catálogos, incorporando novos elementos, produtos e materias que son candidatos a que en construción cumpran as condicións acústicas do CTE”, explica Manuel Sobreira.

A opción simplificada

Entre as consecuencias deste ano de aprazamento está o feito de que o grupo da Universidade de Vigo se puido implicar máis activamente no deseño das ferramentas oficiais. Xunto co deseño das follas de cálculo do método xeral, tamén traballaron activamente no asesoramento do establecemento da opción simplificada, dándolle soporte de cálculo e asesorando”, apunta.
Mentres o método oficial calcula como se van comportar os materiais e solucións construtivas unha vez instalados, a opción simplificada, segundo o propio Sobreira, “subministra unha serie de táboas que permiten ir elixindo, non se calcula, elíxese a tabiquería que se vai poñer, os elementos de separación, o forxado ou o tipo de fachada e cantidade de elementos acristalados”. Deste xeito, seguindo os datos da táboa, pódense combinar os elementos construtivos para que cumpran co CTE. Para isto, dende o grupo de investigación fixéronse unha serie de precálculos partindo dunha serie de situacións estándar, de xeito que dá un resultado que se sitúa no peor dos casos, pensado para que, “pase o que pase e independentemente de como se combinen eses elementos, van cumprir co código”.

As consecuencias: un posible aumento dos prezos das vivendas

Apenas tres semanas da entrada en vigor da lexislación, unha das maiores preocupacións sobre as súas consecuencias céntrase no aumento do custo das vivendas. Sobre este tema, Sobreira apunta un exemplo clarificador: “analizamos un edificio de protección oficial en Navia que cumpre o código, se un edificio deste tipo cumpre, pode facelo calquera”. En realidade, segundo o investigador, todas as edificacións que respectaban a normativa anterior estarán dentro do cumprimento do CTE. O problema virá cos promotores e construtores que non respectaban uns mínimos de calidade acústica, para eles si aumentará o custe. “O sobrecuste non está no incremento real de obra, senón en que hai cousas que xa non se pode facer, como cambiar os material proxectado por outro de menor calidade, cando se dispara o orzamento”, apunta o investigador.
Segundo Sobreira, “as contas saen moi fácil. No tema acústico dise que antes pedían 45 db e agora 50 db de illamento, pero é mentira. É un parámetro diferente pero equiparable, o que cumpría antes tamén o fará agora”. O problema, segundo o investigador, é que “pasamos dun descontrol total a un control máis rigoroso, é un chanzo importante”. Con todo, o uso das ferramentas que se deseñaron coa colaboración do grupo Sonitum van permitir que aqueles que respectaban a lexislación, poidan agora controlar os gastos, “xa que temos comprobado que moitos edificios tiñan un sobrecuste, aumentando o gasto con marxes amplos de insonorización que non son necesarios”. Con estas ferramentas, poderán planificalo e adiantarse.
En resumo, para Sobreira non serán grandes cambios, “senón pequenas comas que cambian moito os resultados, pero haberá que eliminar vicios construtivos de antigo”. Con todo, de cara a esta nova etapa na que a construción debe respectar a lexislación acústica, adianta que o gran problema estará na insonorización das fachadas, sobre todo en zonas urbanas consolidadas.