DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Víctor López, coordinador da Red de Evaluación Formativa y Compartida:

“A coherencia é a clave no EEES”

O profesor da Universidad de Valladolid ofreceu un relatorio no ciclo de conferencias sobre Ensinanz

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Anabel Vila DUVI 21/01/2011

A adaptación dos estudos superiores ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e o papel da avaliación no Sistema Europeo de Transferencia de Créditos (ECTS) centraron o relatorio do profesor Víctor López, da Universidad de Valladolid, que participou este venres no ciclo de conferencias Ensinanza e Aprendizaxe organizado pola Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade. Na súa intervención explicou que “é necesario cambiar a metodoloxía e a avaliación. Se esta é incoherente coas innovacións académicas postas en marcha o proceso non funciona”.

Presentado polo vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcia, o relator utilizou a súa experiencia como coordinador da Red de Evaluación Formativa y Compartida na Docencia Universitaria, que reúne a representantes de 15 universidades, para achegar aos docentes a nova realidade na que segundo explica “a coherencia é a clave". "No noso proxecto descubrimos que calquera erro, que calquera disfunción entre os obxectivos marcados e a forma de avalialos daba ao traste con todo o traballo, por iso é imprescindible seguir sempre un mesmo camiño”, subliñou. “As competencias que se buscan, as actividades que se van realizar, a súa avaliación e a cualificación que reciben deben estar na mesma liña para que o alumnado se integre no proceso”, asegura o profesor.

Os estudos universitarios, como participar no Tour

Na súa conferencia, ademais, utilizou a analoxía entre o EEES e o Tour de Francia desenvolta polo profesor Miguel Valero-García, da Universitat Politècnica de Catalunya, para achegar aos docentes vigueses a súa visión da avaliación. Neste traballo Valero-García explica que tanto o Plan Boloña como a competición valoran as actividades e capacidades de diferente tipo, xa que na rolda gala hai camisolas para as diversas categorías (montaña, puntos, xeral…). Tamén ambos posúen datas de realización para cada actividade (un calendario anual coñecido por todos), así como o feito de que aproban todos os que chegan ao final. Despois, tanto no EEES como no Tour ven o traballo de avaliar e cualificar, dúas palabras que “non son sinónimos”, recorda López Pastor.

Unha vez finalizado o relatorio os asistentes, tamén os que participaron por videoconferencia por medio de UvigoTv dende Pontevedra e Ourense, mantiveron un animado coloquio co profesor convidado sobre a aplicación das súas teorías á realidade da Universidade de Vigo.